A Fundación Manuel Moldes amosa as ilustracións 'Bicos de cine' do pintor pontevedrés que conserva a Filmoteca de Galicia
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu na inauguración da exposición que poderá verse en Pontevedra ata marzo de 2026
A mostra volve sacar á luz os 25 debuxos da serie creada polo artista en 1991 para as Xociviga do Carballiño, na que se reflicte a súa gran afección polo cinema
A Fundación Manuel Moldes inaugurou esta tarde na súa sede de Pontevedra a exposición Bicos de cine, que reúne as 25 ilustracións da serie homónima creadas polo pintor pontevedrés en 1991 e que se conservan actualmente na Filmoteca de Galicia. A cinemateca da Xunta colabora na organización desta mostra, cedendo os debuxos que Manuel Moldes realizara para as Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia (Xociviga) do Carballiño e nos que se reflicte a súa gran afección pola sétima arte.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, incidiu nesta faceta cinéfila de Moldes durante a súa intervención no acto inaugural. Nela, agradeceulles tanto á presidenta da Fundación Manuel Moldes, May Díaz Cacheda, como aos comisarios da mostra, Xosé Enrique Acuña e Ramón Rozas Domínguez, a iniciativa para volver poñer a disposición do público as obras que atesoura a Filmoteca de Galicia.
Patrimonio audiovisual
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén fixo fincapé no papel da cinemateca galega como “garante da recuperación, conservación e difusión do noso patrimonio audiovisual”, que se estende máis alá dos propios materiais cinematográficos e videográficos. Así, como explicou, a serie Bicos de cine forma parte do amplo arquivo da Filmoteca, que nestes momentos conta cunhas 3500 copias de películas, con títulos que datan desde 1913, máis de 12.000 cintas de vídeo, unha colección de carteis cinematográficos que acada as 11.000 unidades e un fondo fotográfico con máis de 60.000 rexistros.
“A Fundación Manuel Moldes ofrécenos unha oportunidade única para nos achegar a estes Bicos de cine, que só puideron verse en tres ocasións anteriores: nas Xociviga do Carballiño en 1991, na Coruña en 1992 e en Madrid en 2007”, detallou Sutil, para quen esta mostra “dialoga tamén cunha memoria audiovisual compartida polo gran público, evocando películas, emocións e iconografías cinematográficas”.
Nas 25 ilustracións que conforman a exposición, Manuel Moldes representa, coa súa ollada persoal e o seu estilo característico, bicos icónicos da historia do cinema universal en filmes tan coñecidos como Frankenstein ou Nosferatu, pero tamén en clásicos galegos como Miss Ledyia, de 1916, a máis antiga das películas de ficción rodadas en Galicia de todas as que se conservan e na que Castelao ten un pequeno papel como actor.
A exposición poderá visitarse ata o 28 de marzo de 2026 na sede da Fundación Manuel Moldes, aberta ao público os xoves e venres de 18,00 a 21,00 h. e os sábados de 12,00 a 14,00 h. e de 18,00 a 21,00 h. Tamén existe a posibilidade de concertar cita previa noutros horarios a través do teléfono 607 408 482.
- Na imaxe, detalle do cartel da exposición Bicos de cine.