Share
O conselleiro da Cultura participa este serán na recepción oficial que terá lugar na Sala Riquela de Santiago de Compostela e na que actuarán Samudra Trio e Catuxa Salom

Focus Galicia inicia a súa axenda de concertos, visitas culturais e reunións para lles achegar a riqueza da nosa música a 25 axentes de 13 países

A Xunta convidou unha escolma de festivais internacionais e axencias de distribución e management a participar nesta iniciativa, que organiza nas vésperas do Womex da Coruña para favorecer unha maior proxección dos grupos e artistas galegos

Mañá tocarán Mario G. Cortizo, De Ninghures e Abraham Cupeiro nas Bodegas Martín Códax de Cambados, mentres que Mecedes Peón e Zeltia Irevire ofrecerán os seus respectivos ‘showcases’ no Salón Teatro compostelán

Xurxo Fernandes, Budiño e García MC & Nación Quilombo protagonizan o único dos concertos públicos deste evento profesional, que terá lugar o martes 24 na Sala Capitol con entrada gratuíta previa reserva en liña

O programa Focus Galicia inicia hoxe en Santiago de Compostela a intensa axenda preparada para os responsables de 25 festivais e axencias de distribución e management de 13 países, convidados a este evento profesional organizado pola Xunta para lles descubrir a riqueza musical da nosa Comunidade e o seu estreito vínculo co territorio.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, daralles este serán a benvida a estes axentes internacionais, procedentes de Alemaña, Brasil, Canadá, Corea do Sur, Chequia, Chile, Francia, Italia, Mozambique, Portugal, Reino Unido e Uruguai, así como de diferentes puntos de España, na recepción oficial que terá lugar ás 21,30 h. na Sala Riquela de Santiago de Compostela. Contarase, ademais, coas actuacións de Samudra Trio, coa súa persoal revisión da música de cámara, e de Catuxa Salom, unha das voces máis destacadas do actual panorama do folk electrónico.

Unha decena de ‘showcases’

Trátase de dúas das 10 formacións seleccionadas para ofrecer outros tantos showcases ante esta delegación profesional, para a que se organizarán diferentes visitas culturais e reunións profesionais. Así, mañá desprazaranse ata as Bodegas Martín Códax de Cambados, onde terán a oportunidade de se achegar ás novas sonoridades do percusionista e compositor Mario G. Cortizo, do multiinstrumentista Abraham Cupeiro e da banda de novo folk galego De Ninghures.

A continuación, regresarán a Santiago para outra dobre sesión de directos no Salón Teatro a cargo de Mercedes Peón, quen lles presentará a súa proposta Ingrávida, a cabalo entre a acústica e a electrónica, e do trío folk Zeltia Irevire e a súa mestura orgánica e electroacústica. Este último, ao igual que Samudra Trio e De Ninghures, foi un dos proxectos musicais que acaba de rematar a súa participación na primeira edición da aceleradora Sonemerxente, desenvolvida pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades coa colaboración da Fundación Paideia na súa xestión.

Entrada gratuíta para a Sala Capitol

Focus Galicia estenderase ata o martes 24, día no que o evento se abre ao público cun concerto que dará comezo ás 20,30 h. na Sala Capitol e para o que se conta coas actuacións de Xurxo Fernandes, unha das voces máis singulares no ámbito da nosa música tradicional; Budiño, un dos referentes do panorama musical galego, e García MC & Nación Quilombo co seu innovador espectáculo que mestura os ritmos do mundo co rap e o hip-hop. A entrada é gratuíta, previa retirada en liña a través da web www.salacapitol.com.

Esta programación organízase nas vésperas da celebración na Coruña de Womex, o mercado internacional de referencia no ámbito das músicas do mundo e de raíz. O obxectivo é aproveitar recursos e sinerxías para amplificar a difusión exterior das bandas e artistas galegos, tentando repetir as positivas experiencias dos anteriores Focus asociados ás outras dúas edicións galegas da Worldwide Music Expo, que tiveron lugar nos anos 2014 e 2016 na Cidade da Cultura de Galicia e noutros espazos de Santiago de Compostela. Nesas ocasións, a Xunta contribuíu con este programa a abrir novos mercados en Xapón, India, Brasil, Canadá, Marrocos, Irlanda e Portugal, así como nalgúns dos festivais españois máis destacados no ámbito da música tradicional.