A Filmoteca de Galicia recibe a directora Alauda Ruiz de Azúa para continuar afondando nas olladas femininas do audiovisual

A realizadora Alauda Ruiz de Azúa, unha das voces máis aclamadas do actual panorama audiovisual a nivel estatal, compartiu co público da Filmoteca de Galicia as claves do proceso vital e artístico a partir do que desenvolveu os seus últimos traballos. A directora vasca, que debutou coa premiada Cinco lobitos, viaxou ata A Coruña para protagonizar a sesión mensual do ciclo Close-Up, que a cinemateca da Xunta desenvolve desde o pasado mes de outubro para afondar no cinema desde unha perspectiva de xénero a través das olladas de destacadas cineastas como Jaione Camborda, Pilar Palomero, Carla Simón, Elena López Riera, Mar Coll ou Itsaso Arana.
O coloquio con Ruiz de Azúa deu paso á proxección dos primeiros dous episodios da serie Querer, da que é unha das creadoras e da que esta tarde poderán verse os capítulos tres e catro. Así mesmo, a sede coruñesa da Filmoteca recibirá este venres o catalán Albert Serra para presentar Tardes de soledad, película coa que se alzou coa Cuncha de Ouro na pasada edición do Festival de San Sebastián.