FEST Galicia edita os informes de avaliación do PortAmérica, Resurrection, Revenidas, Sinsal e SonRías Baixas
A Xunta impulsou estes estudos, realizados pola Agadic en colaboración coa USC, dentro das accións desenvolvidas na primeira temporada da marca que promove o territorio galego como destino musical de calidade
Ofrécense datos relevantes sobre o impacto económico, social e comunicativo destes eventos tanto no conxunto de Galicia como na súa comarca
Grazas a un convenio asinado entre a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e a Universidade de Santiago de Compostela, Francisco Javier Sanjiao e Fran Núñez coordinaron o equipo de investigadores universitarios encargado de recompilar os datos a través de enquisas directas e da información facilitada polos propios festivais.
O obxectivo era avaliar o impacto económico, social e comunicativo de cinco dos 10 eventos adheridos á primeira edición de FEST Galicia, para o que se empregou un sistema de medición denominado Avaliación 360º, unha metodoloxía pioneira e orixinal, que o propio Fran Núñez desenvolveu na súa tese de doutoramento e que se detalla nun manual editado o ano pasado pola Agadic.
Impacto e valoración do público
Os cinco informes agora publicados estrutúranse en dous grandes eixos. Dunha banda, a avaliación de impacto, no que se detalla a repercusión social e económica destes eventos tanto en Galicia como nas súas respectivas comarcas, ademais do seu retorno a nivel de imaxe e de turismo e nos ámbitos da comunicación e información. O segundo gran apartado é o da valoración transversal, a partir das puntuacións dos asistentes respecto á seguridade, accesibilidade, medio ambiente ou cultura, entre outros aspectos.
Como xa se adiantou nas presentacións previas de cada festival, os resultados nos cinco casos veñen reforzar o carácter estratéxico deste tipo de eventos non só desde o punto de vista da industria cultural, senón tamén desde os ámbitos turístico e económico. Estamos a falar de impactos económicos que se sitúan entre os máis de 575.586 euros no caso dun encontro de tamaño reducido e moi localizado como é o Sinsal da Illa de San Simón e os preto de nove millóns de euros do Resurrection Fest, o festival máis grande e internacional de todos os que se desenvolven na nosa Comunidade.
Destacan, así mesmo, as elevadas cifras coas que os asistentes valoran estes eventos, que en todos os casos se sitúan en torno ao 8 sobre 10 como puntuación global: 8,65 para o Resurrection Fest, 8,59 para o Sinsal, 8,16 para o Revenidas, 8,10 para o PorAmérica e 7,82 para o SonRías Baixas.
Estes informes están a ser o punto de partida para o deseño de novas medidas que redunden nos valores que FEST Galicia promove, como é o caso do proxecto para a posta en marcha dun selo distintivo que recoñeza e lles dea visibilidade aos festivais profesionais.
Xunto cos cinco festivais analizados, tamén formaron parte da primeira temporada de FEST Galicia Atlantic Fest, Vive Nigrán, 17º Ribeira Sacra, Festival de la Luz e WOS Festival. Na que foi a súa experiencia piloto, a marca tivo presenza neles mediante diferentes accións coordinadas por Cultura e Turismo, en colaboración directa coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Secretaria Xeral da Igualdade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Proximamente daranse a coñecer os integrantes da marca para 2019, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria de adhesión publicada conxuntamente pola Agadic e Turismo de Galicia.