Share

FEST Galicia é finalista dos Iberian Festival Awards na categoría de mellor activación de marca

Os gañadores coñeceranse o vindeiro 13 de marzo nunha gala que este ano se celebrará no Teatro Afundación de Vigo

Algúns dos festivais adheridos á marca creada pola Xunta contan tamén con varias candidaturas

FEST Galicia é finalista dos Iberian Festival Awards na categoría de mellor activación de marca

FEST Galicia, a marca creada pola Xunta para os principais festivais galegos de música, concorre como finalista aos Iberian Festival Awards, convocados cada ano pola Asociación Portuguesa de Festivais de Música (Aporfest) e á que optan os principais eventos celebrados tanto en España como en Portugal.
FEST Galicia compite na candidatura de mellor activación de marca xunto a outros nove finalistas nesa mesma categoría, entre os que se atopan as campañas desenvolvidas por importantes firmas comerciais, algunhas delas mesmo en eventos galegos, como son Super Bock no SonRías Baixas e Estrella Galicia no Festival Sinsal. No caso de FEST Galicia, a valoración realizouse sobre o traballo global levado a cabo durante o pasado verán nos seus 10 festivais galegos adheridos, a través de accións relacionadas coa sostibilidade ambiental, a igualdade, a promoción da lingua e a difusión de programas destinados á mocidade.

Os Iberian Festival Awards premian o labor dos festivais que se organizan en España e Portugal, seleccionando 10 entidades en cada categoría (cinco portuguesas e cinco españolas), contribuíndo así á interrelación entre os principais encontros deste tipo que se realizan ao longo do ano en todo o territorio da península ibérica. As finalistas son escollidas polo público a través dunha votación online (13 categorías) e por un xurado especializado (nove categorías), que será quen decida tamén os gañadores. Estes comunicaranse na gala que terá lugar este ano o vindeiro 13 de marzo no Teatro Afundación de Vigo. Ademais, entregarase un Excellence Award ao mellor festival desta cuarta edición dos premios.
 
Festivais galegos que optan a premio
Algúns dos festivais galegos adheridos a FEST Galicia optan tamén aos galardóns en diferentes categorías, segundo fixo público Aporfest. Así, o Resurrection Fest Estrella Galicia é finalista nas categorías de Best Major Festival, Best Touristic Promotion, Best Line-Up e Best Comunication. O PortAmérica figura nas categorías de Best Infraestructure e Best Live Performance (PT/ES) polo directo de Vetusta Morla. O Festival 17º Ribeira Sacra está nomeado como Best Small Festival xunto co Sinsal SON Estrella Galicia. O WOS Festival foi seleccionado nas categorías de Best Indoor Festival e Best Touristic Promotion, e o Atlantic Fest é candidato como Best Cultural Programme.

O certame tamén seleccionou como finalistas outros festivais galegos non incorporados o pasado ano a FEST Galicia, como o Caudal Fest e O Son do Camiño, os dous na modalidade de Best New Festival. O Son do Camiño opta ademais ás categorías de Best Line-Up e Best Live Performance (International) polo directo de Lenny Kravitz. O FIV de Vilalba é tamén finalista na categoría de Best Hosting and Reception e o Festival dos Eidos na de Best Non-Music Festival.

-Web de FEST Galicia