Ensalle estrea en Vigo o proxecto docu-escénico 'Outras miradas' en coprodución co Centro Dramático Galego
O espectáculo poderase ver desde mañá e ata o 27 de setembro ás 21,00 h. no escenario da rúa Chile
A iniciativa responde á colaboración da Xunta de Galicia na produción de tres propostas doutros tantos espazos creativos e compañías no ámbito teatral que traballan na cidade de Vigo
A Xunta de Galicia contribúe á estrea en Vigo de Outras miradas, un proxecto docu-escénico da compañía Ensalle en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). A estrea será mañá venres ás 21,00 h e repetiranse funcións os días 26 e 27 de setembro ás 21,00 h. no escenario da rúa Chile. Trátase dun proxecto docu-escénico que consta de tres fases: recompilación de material escrito, plástico ou audiovisual; edición e deseño da exposición dese material e traballo escénico para interactuar coa devandita mostra. Partindo da obra A nosa especie, escrita polo profesor de antropoloxía Marvin Harris, Ensalle formulou preguntas (sobre política, ecoloxía, economía, educación, existencialismo...) a artistas e cidadáns, entre eles creadores da talle de Carmen Werner, Sergi Fäustino ou Antonio Fernández Lera. As respostas acadadas en diferentes formatos son a fonte da que se nutre o espectáculo asinado e interpretado por Pedro Fresneda, Raquel Hernández e Artur Rei.
Segundo a presentación dos seus artífices, trátase dun proxecto “que nace da necesidade de escoitar, un proceso fermoso por orgánico, un lugar no que poder atoparnos a pesar da distancia e propoñer puntos de fuga, un lugar sobre o que verter a nosa mirada no mundo, cada un desde a súa linguaxe, poesía, movemento, creación audiovisual, música, pintura...”.
A iniciativa responde á colaboración do Centro Dramático Galego, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, na produción de tres espectáculos doutros tantos espazos creativos e compañías no ámbito teatral que traballan na cidade de Vigo, como son Nononon.lab coa montaxe de Clásicas desfeitas, Teatro Ensalle con Outras miradas e Sala Ártika con Cambio de foco.
A compañía
Ensalle é unha compañía de creación contemporánea nada en Madrid en 1995, que se traslada a Vigo en 2003 na súa aposta por continuar coa creación desde esta cidade. Raquel Hernández e Pedro Fresneda fundan ese mesmo Teatro Ensalle, un espazo de exhibición e difusión centrado no teatro e danza contemporáneos, que conta ademais con varias compañías residentes fixas, entre as cales está a propia Ensalle.
O colectivo é actualmente a suma de Raquel Hernández, Pedro Fresneda e Artur Rei e da súa traxectoria conxunta desde 2005. As súas creacións son o resultado dun traballo en continuidade e en evolución permanente, levando a escena propostas que mesturan linguaxes.
A reserva de entradas está dispoñible na web www.teatroensalle.com e no teléfono 986 485 609, en tanto que o despacho de billetes da sala abrirá desde unha hora antes de cada función.