Share

A empresa de loxística para espectáculos Kachet amplía a súa tecnoloxía sonora co apoio do Hub Audiovisual da Xunta

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visita no polígono do Tambre a sede da compañía en Santiago para coñecer o seu novo sistema de sonorización, para o que contou cunha subvención de 100.000 euros

Trátase dunha das 42 empresas culturais adxudicatarias en 2023 da convocatoria do fondo tecnolóxico, a través das que se investiron 2M€ en axudas para a adquisición de equipamentos co obxectivo de impulsar a competitividade e innovación no sector

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou hoxe as instalacións da empresa de loxística para espectáculos Kachet no polígono do Tambre, en Santiago de Compostela, para coñecer o seu novo sistema sonoro, adquirido co apoio da Xunta de Galicia a través do Hub Audiovisual Industria Cultural.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades foi recibido polo responsable da empresa, Paco de Pin, quen lle explicou as principais características e calidades da nova serie K3 de altofalantes para directos da firma europea L-Acoustics, coa que Kachet Loxística amplía a súa oferta de sistemas desta marca, líder mundial en enxeñería de son.

Menor consumo e maior rendemento
Este sistema complementa a súa oferta sonora, achegando un equipo ideal para Galicia e para eventos de formato medio, dirixidos a entre 1000 e 10.000 persoas, xa que ten menor volume, peso e consumo, así como un rendemento e presión sonora maior que o resto de equipos do mercado. De feito, o K3 amosou xa as súas capacidades de sonorización na pasada edición da feira internacional Womex, celebrada na Coruña, así como en diversos festivais e concertos.

Para a súa adquisición, Kachet Loxística contou cunha subvención de 100.000 euros como resultado da convocatoria do fondo tecnolóxico do Hub Audiovisual da Xunta. Foi unha das 42 empresas culturais adxudicatarias desta liña, a través da que se investiron 2M€ na compra de novos equipamentos e acondicionamentos de instalacións.

O Hub Audiovisual Industria Cultural Galega foi desenvolvido pola Xunta entre 2021 e 2023 con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe React-UE do programa operativo Feder Galicia, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

Fomento da competitividade do sector
Entre as súas medidas transversais, o devandito fondo tecnolóxico fixo fincapé no fomento da competitividade do sector cultural galego facilitando a súa dotación de nova maquinaria, pantallas, cámaras, sistemas de son e iluminación e servizos de software, entre outros activos, así como as obras de acondicionamento de platós, estudios e outras instalacións técnicas.

Neste sentido, entronca nos seus obxectivos co eixo do Plan Xeración Cultura destinado á dixitalización, innovación e modernización do sector, que terá o seu impulso normativo coa futura Lei de cultura dixital.