Share

Dous talleres sobre cor e dirección de fotografía centran o arranque este mes da Master Class do Audiovisual Galego AuGAL

A Consellería de Cultura e Turismo e a Universidade de Vigo promoven esta iniciativa formativa,que desenvolverá a súa oitava edición do 26 de novembro ao 16 de abril na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra

O programa do curso 2018-2019 ofrecerá outros dous obradoiros de son e guión, así como sesións dedicadas ás longas ‘La sombra de la ley’ e ‘A estación violenta’, a curtametraxes universitarias e á comercialización dos produtos audiovisuais

Dous talleres sobre cor e dirección de fotografía centran o arranque este mes da Master Class do Audiovisual Galego AuGAL

A oitava edición de AuGAL, a Master Class do Audiovisual Galego, arrancará este mes de novembro con cadanseu obradoiro sobre cor e dirección de fotografía, que se desenvolverán na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra os vindeiros días 26 e 27, respectivamente. Estas serán as primeiras das oito sesións programadas ata mediados de abril no marco desta iniciativa formativa que promoven a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e a Universidade de Vigo.O calendario de actividades desta nova entrega de AuGAL foi presentado hoxe na Casa das Campás por Jacobo Sutil, director da Agadic; Manuel Morquecho, director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo; e Paulino Pérez, coordinador da Master Class do Audiovisual Galego 2018-2019 xunto a Fortunato Rodríguez e a Miguel Anxo Fernández.
 
Na súa intervención, Jacobo Sutil destacou como principal novidade desta edición os catro talleres impartidos por profesionais do audiovisual galego, que veñen complementar o xa habitual programa arredor de recentes producións galegas de cinema e televisión, comentadas polos seus equipos: “Unha vez máis, o conxunto do programa de AuGAL confirma a súa forte aposta tanto polo noso audiovisual como polos profesionais que o fan posible, ao tempo que reflicte a puxanza dun sector que, para a Xunta de Galicia, é estratéxico”, sinalou.

Trece profesionais no programa
Trece destacados profesionais en diferentes ámbitos do sector serán o encargados de achegarlle o seu oficio ao alumnado nas diferentes sesións incluídas no programa, que dará comezo o vindeiro luns 26 co obradoiro sobre cor a cargo de  Fernando Alfonsín e Alfonso Merino, de Alfonsín Digital Lab. Seguiralle o que impartirá o martes 27 o director de fotografía Suso Bello. En ambos os casos o horario da actividade será de 12,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,00 h.
 
Son e guión serán tamén obxecto de cadanseu taller no mes de marzo da man respectivamente de Miguel Barbosa, de Sound Troop, o día 11; e de Raúl García Pérez, director, guionista e profesor asociado na Facultade de Comunicación Audiovisual da Coruña, o día 25.
 
Como en anteriores edicións, a produción audiovisual galega centrará unha parte importante da actividade a través de tres sesións de presentación e coloquio arredor dos títulos proxectados. Entre eles, as tres fitas que se exhibirán o 12 de decembro baixo o epígrafe Curtas desde a Uvigo. Documental e ficción: A meca dos cines, de Dunia Alvarez Prieto; La mujer invisible, de Noemi Chantada; e Brotes, de Jorge Fernández.

La sombra de la ley e A estación violenta
Xa en febreiro, será a quenda para dúas longametraxes de ficción, ambas producidas co apoio da Agadic a través do seu programa anual de subvencións ao sector. Neste caso as citas serán o día 5 con La sombra de la ley, presentada e comentada polo seu director, Dani de la Torre, e pola produtora Emma Lustres, de Vaca Films; e o día 12 con A estación violenta, para a que se contará coa súa directora, Anxos Fazáns, e o seu produtor, Dani Froiz.
 
A oitava edición da Master Class do Audiovisual Galego chegará ao seu fin o 16 de abril coa conferencia Como se comercializa un produto audiovisual?, impartida por Elena Mera, de Treeline Distribution, á que seguirá o acto de entrega dos diplomas de asistencia que lles outorgará a Agadic aos participantes.
 
O programa de AuGAL está dirixido tanto a estudantes como a profesionais do sector. A matrícula é gratuíta e debe formalizarse enviando ao correo electrónico audiovisual.agadic [at] xunta.gal o formulario de inscrición que pode descargarse na web www.agadic.gal. As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición.

-Programa de AuGAL 2018-2019
-Cartel de AuGAL 2018-2019