Share

A dotación das axudas da Xunta aos festivais audiovisuais continúa en aumento e sitúase en 200.000 euros

O DOG publica hoxe a nova convocatoria destas subvencións, que manteñen un incremento económico progresivo e continuado desde a súa creación en 2015

As bases deste ano contemplan a valoración de propostas específicas para o ámbito dixital, ademais de ter en conta o esforzo realizado por estas mostras para manter as súas edicións de 2020 no contexto da pandemia

Alíñase co Plan de Reactivación Cultural en marcha, cuxo alcance se vén de ampliar cunha nova inxección de 23 millóns de euros neste trimestre

A dotación das axudas da Xunta aos festivais audiovisuais continúa en aumento e sitúase en 200.000 euros

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria anual de subvencións para festivais audiovisuais, á que destina unha dotación de 200.000 euros, cifra que supón un incremento do 5,2% respecto ao ano pasado. Mantense así a tendencia á alza no seu orzamento, en progresivo e continuo ascenso desde a creación en 2015 desta liña de apoio aos certames e mostras do sector que se celebran de xeito profesional en Galicia. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá e ata o vindeiro 11 de marzo.
Ademais do aumento económico, as bases deste ano introducen unha serie de novidades nos criterios de valoración a través das que se toma en consideración o esforzo dos festivais por manter a súa celebración en 2020, adaptándose ao contexto da pandemia da covid-19 sen menoscabo da calidade.
 
Propostas específicas para o ámbito dixital
Neste sentido, ademais de analizar a programación e repercusión das edicións do ano pasado, con especial fincapé na convivencia das actividades presenciais coas virtuais e o acceso a novos públicos, a comisión avaliadora tamén terá en conta a memoria da edición inmediatamente anterior á crise sanitaria, a de 2019. Con respecto aos seus proxectos para 2021, entre os criterios a puntuar atópase, así mesmo, a proposta de accións específicas para o ámbito dixital.
 
A presente convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, diríxese tanto a persoas físicas e xurídicas privadas como a entidades locais organizadoras de festivais, certames, semanas ou mostras celebradas entre o 1 de decembro de 2020 e o 31 de outubro de 2021, sempre que conten cunha duración mínima de catro xornadas e, cando menos, con 20 proxeccións, ademais de ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas nos anos inmediatamente anteriores. Entre outros requisitos, a proposta de programación debe conter o cinco por cento de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas.
 
Con estas axudas, a Xunta busca continuar apoiando este tipo de eventos nun marco de actuación cultural baseado no impulso do sector audiovisual para a Comunidade, consolidando industrias rendibles desde o punto de vista económico e social, facéndoas competitivas e susceptibles de exportar os seus produtos. Recoñecese, ao tempo, o carácter estratéxico dos festivais como motores de dinamización cultural, ademais de económica e turística, nas súas localidades e comarcas.
 
Estudo de impacto
A este respecto, o departamento de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade apoiou economicamente o desenvolvemento do Estudo de impacto dos festivais de cinema en Galicia, realizado por Proxecta Coordinadora Galega de Festivais de Cinema e a Universidade de Santiago de Compostela. Nel, analízanse 28 eventos de 18 localidades galegas, a meirande parte deles organizados por entidades privadas e cunha media de asistentes superior ás 3.500 persoas.
 
O estudo, que dá conta da disparidade de formatos, estruturas organizativas e demais elementos que caracterizan os festivais galegos, deixa constancia do seu impacto económico, que na metade dos casos analizados reverte en provedores galegos con cifras que se sitúan entre os preto de 10.000 e os 150.000 euros. Outros dos datos destacables é que máis do 20% das súas proxeccións son estreas mundiais e que máis do 40% destas mostras conta na súa programación cunha importante presenza de creacións galegas, superior ao 75%.
 
Por medio desta liña autonómica de axudas a festivais, en 2020 obtiveron financiamento 13 encontros: Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, Festival de Cans no Porriño, Festival Carballo Interplay, Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto de Santiago de Compostela, (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, FICBUEU Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, Novos Cinemas. Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, Semana de Cine de Lugo, Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego (Santiago), Festival Primavera do Cine en Vigo, Festival de Cine Inclusivo de Vigo, Festival Internacional de Curtametraxes de Verín Vía XIV e Galician Freaky Film Festival de Vigo.
 
-Máis información