Share
Lingua
O director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación do festival, que se celebra en Santiago de Compostela do 1 ao 6 de outubro

Curtocircuíto explora na súa 21ª edición o cinema galego máis singular e identitario co apoio da Xunta

O certame de curtas de Santiago é unha das 10 citas cofinanciadas en 2024 pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da convocatoria de axudas a festivais audiovisuais, dotada con 300.000 euros

O programa inclúe 41 obras de 16 países con 25 filmes a concurso na sección oficial Cosmos e un cartel de espectáculos audiovisuais marcado pola vangarda 

As seccións Planeta GZ e Supernova presentan as propostas máis atrevidas do cinema emerxente galego con traballos de realizadores como Nela Fraga, Hugo Amoedo, Inés Pintor, Cris Souto ou Carmen Méndez

Elena López Riera, Marina Lameiro, Gala Hernández, Sandra Schäfer e Rainer Kohlberger estrearán os seus últimos traballos nesta edición

A 21ª edición do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto exhibirá a partir de mañá e ata o 6 de outubro co apoio da Xunta un total de 41 películas de pequeno formato procedentes de 16 países, distribuídas en tres apartados: a sección oficial Cosmos, Planeta GZ para as propostas máis singulares de Galicia, e Supernova, dedicada ao cinema emerxente galego, ademais dunha ampla programación paralela que se estende ao pensamento e ás artes sonoras e visuais máis vangardistas.

As cineastas Elena López Riera, Marina Lameiro, Gala Hernández, Sandra Schäfer ou Rainer Kohlberger presentarán as súas novas obras neste certame organizado polo Concello de Santiago de Compostela e subvencionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais a través da convocatoria de axudas a festivais audiovisuais, que este ano cofinancia con 300.000 euros 10 citas galegas. 

Así o lembrou o director deste departamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Jacobo Sutil, que participou hoxe na presentación da programación de 2024 xunto o director do festival, Pela del Álamo, e os representantes doutras entidades colaboradoras. Na súa intervención, Sutil puxo en valor tanto a variedade como a calidade da carteleira, ademais de destacar a amplitude deste certame, que vai más alá das salas de proxección cun programa actividades no que se inclúen conferencias, performances ou mesas redondas.

Espírito inmersivo

Esta edición está dedicada ás profundidades oceánicas cunha proposta estética deseñada por Iñaki López que coloca no cartel os abismos mariños e unha escolma de contidos que, en palabras do director de Industrias Culturais, “reflicten o espírito inquedo e inmersivo dun evento sempre atento a descubrir e mostrar o talento emerxente e as novas linguaxes audiovisuais”. Diferentes propostas afondarán en conceptos como a profundidade, a auga, a escuridade ou o silencio con perspectivas que van desde a bioloxía ou a ecoloxía ata o pensamento abstracto ou a poesía.

Cosmos con 25 filmes de 16 países

A segunda edición da sección oficial Cosmos volve recoller a vontade de romper as barreiras entre os xéneros cinematográficos e a procedencia das películas para poñelas a dialogar sen limitacións. Cosmos é unha aposta na que o cine narrativo máis arriscado convive coas propostas de vangarda e onde a diversidade cultural e outros retos da nosa sociedade atopan un espazo de visibilidade e reflexión.

Nesta ocasión, este apartado propón unha selección heterodoxa con 25 filmes producidos en España e noutros 15 países como Estados Unidos, Alemaña, Francia, Bélxica, Países Baixos, Suíza, Austria, Xeorxia, Irán, Bangladesh, Filipinas, Corea do Sur ou  Andorra, que abranguen desde cinema narrativo ata pezas abstractas, con numerosos ensaios fílmicos.

A heteroxeneidade da nosa escena

Un ano máis, a sección Planeta GZ celebra e difunde o cine galego proxectando nove películas que exploran diversas facetas da paisaxe rural a través do xénero documental. Cada filme ofrece unha visión íntima dun ser humano e a súa relación co territorio. Son os casos de Humedalia, de Irene Sáenz Carballeira; Queimar cando morra, de Inés Pintor; Corre o vento, de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera; Pechar caixas abrir caixas, de Hugo Amoedo; Patios de luz, de Fran Rodríguez Casal, ou Exposed, de Nela Fraga. Completan Planeta GZ A Blurred Photograph is a Space for a Memory Proposal, de Sabela Eiriz; O patio, de Ariadna Cordal García; e Histeria do meu pequeno mundo, de Pablo Fontenla.

No apartado dedicado ás promesas galegas, cada unha das sete pezas que propón a sección Supernova, serve de canle para a procura da propia identidade con estilos e formatos propios dentro do documental, a ficción e o cinema experimental, que se entrelazan creando unha corrente de cine novo e predominantemente feminino. El cuerpo que existe más que yo, de Elena Mato; Muíño D’abaixo, de Cris Souto; Pura, de Carmen Méndez; A mirada delas, de Clara Maseda da Veiga; .jpeg, de Anxo González, ou May You Live To See The Dawn, de Patricia Lleras e Ramón Martínez exprésanse a través de diversas formas artísticas ou achegan a súa singularidade.

Curtocircuíto 2024 tamén ofrecerá proxeccións e encontros entre nomes destacados do sector e artistas que se aproximan, desde diferentes perspectivas, á temática do mar e ás profundidades oceánicas que atravesa este ano o festival como fío condutor. O certame entra así na súa terceira década de celebración propoñendo unha viaxe inmersiva desde o cine, a arte sonora ou as artes visuais ata a ciencia e o pensamento, con seis sesións Live AV, dúas charlas e unha mesa redonda.