A curtametraxe 'Luz de contra' do alumnado do CeMAC estréase na Casa das Campás de Pontevedra
Foi gravada como parte do taller Celanova, plató de ficción, no marco do Curso de Medios Audiovisuais que organiza a Universidade de Vigo co apoio da Consellería de Cultura e Turismo
Ana Campos dirixe esta fita, que toma como punto de partida o libro O sol do verán, de Carlos Casares
A Casa das Campás de Pontevedra acolleu esta tarde a estrea da curtametraxe Luz de contra, realizada por alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo (UVigo). A fita foi gravada durante a pasada edición do Curso de Medios Audiovisuais (CeMAC), que como cada verán organizan en Celanova a Fundación Carlos Casares e a Vicerreitoría do Campus de Ourense coa colaboración, entre outras entidades, da Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Ana Campos dirixiu e guionizou esta curta, para a que contou nas interpretacións con Cris Iglesias, Xavier Estévez e Alicia Armenteros, tres coñecidas caras do audiovisual galego. O equipo da rodaxe estivo composto por 18 estudantes do taller Celanova, plató de ficción, que o profesor Paulino Pérez coordina dentro do CeMAC.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, acompañou o equipo nesta estrea, á que tamén asistiron Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra; Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Xosé Baamonde, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e o profesor Paulino Pérez, quen tamén é o produtor executivo da curta.
A soidade é o eixo temático desta curtametraxe, que toma como punto de partida a novela O sol do verán, de Carlos Casares. Non se trata, porén, dunha adaptación literal da obra, senón que o alumnado intentou trasladar a súa esencia á estética da imaxe, da dirección de arte e, mesmo tamén, na dirección de actores para recrear escenas do libro, ademais de atribuírlle certas referencias do autor a esta historia.
Luz de contra, que se proxectou canda o seu making-of, tamén deixa constancia da aposta do Curso de Medios Audiovisuais pola participación de mulleres no seu taller, incidindo especialmente na súa incorporación a postos de carácter máis técnico, onde adoira haber menor representación feminina.