Share

Cultura inviste máis de 320.000 euros en 11 festivais de música a través dos patrocinios FEST Galicia e da convocatoria de subvencións

  • Ambas as liñas forman parte da estratexia de apoio do Goberno galego a este tipo de eventos, na que tamén se insire a achega de Turismo de Galicia
  • Rompetiño, 17º Festival Ribeira Sacra, Sinsal SON Estrella Galicia SonRías Baixas e Underfest son as citas adheridas este ano á marca FEST Galicia
  • FIV de Vilalba, The Wild Fest, Caudal Fest, Ribela Love Nature, Ateneo Baroco e Murallón de Son obtiveron as axudas en concorrencia competitiva

 

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inviste máis de 320.000 euros en 11 festivais profesionais de música de diferentes estilos a través dos patrocinios da marca FEST Galicia e da convocatoria anual de subvencións a este tipo de eventos. Estas dúas liñas da Axencia Galega das Industrias Culturais forman parte da estratexia da Xunta para impulsar citas destacadas do calendario galego de festivais, desenvolvéndose de xeito coordinado co apoio de Turismo de Galicia a diferentes encontros de música ao vivo.

Cinco son os festivais adheridos en 2024 ao selo FEST Galicia, entre os que se distribúen 270.000 euros a través da sinatura de cadanseu contrato de patrocinio: os xa celebrados Rompetiño Jump Festival de Porto do Son, 17º Festival Ribeira Sacra en varios concellos desa zona, Sinsal SON Estrella Galicia na illa de San Simón (Redondela) e SonRías Baixas de Bueu, así como o Underfest que terá lugar o vindeiro mes de setembro en Vigo.

O obxectivo desta marca da Xunta é a promoción de Galicia como destino musical baixo criterios de calidade e sustentabilidade, de xeito que os eventos que a integran reúnen unha serie de características singulares e diferenciadoras como valor engadido á experiencia musical, ademais de servir de plataforma para a diversidade e a pluralidade artística.

No caso da convocatoria anual de subvencións para festivais de música organizados de xeito profesional, os adxudicatarios deste ano son o FIV de Vilalba, The Wild Fest de Vigo, Caudal Fest de Lugo, Festival de Música Antiga e Barroca Ateneo Barroco de Santiago de Compostela, Murallón de Son de Silleda e Ribela Fest Nature de Sarria.

Os seis suman 54.050 euros en axudas que, como novidade este ano, se destinan  exclusivamente á contratación artística de bandas e solistas de Galicia. Con esta medida, búscase favorecer a participación da música galega en citas consideradas estratéxicas para o sector, que inciden de maneira destacada na visibilización e promoción do talento galego e que contribúen ao desenvolvemento das industrias culturais a través da promoción dunha xestión máis profesional.