A Coruña e Santiago acollen esta fin de semana as estreas das pezas de danza 'Médula' e 'Emigrantas' coproducidas pola Xunta
Os dous espectáculos foron cofinanciados a través do programa do Centro Coreográfico Galego e recibiron apoio loxístico e técnico para a súa posta en escena
Exire, unha das compañías do colectivo Artestudio, presentará Médula mañá venres no Teatro Rosalía Castro da Coruña
A bailarina e coreógrafa Kirenia Martínez estrea o sábado 22 na sede compostelá da SGAE a súa proposta sobre a emigración galega, que levará o vindeiro 25 de febreiro ao instituto da Fundación Cañada Blanch de Londres
Os espectáculos de danza Médula, pola compañía Exire, e Emigrantas, a cargo de Kirenia Martínez, chegan esta fin de semana aos escenarios galegos, despois de ter sido coproducidos pola Xunta de Galicia a través do programa específico para este fin do Centro Coreográfico Galego. O Teatro Rosalía Castro da Coruña (mañá venres ás 20,30 h.) e a sala Germán Coppini da Fundación SGAE en Santiago de Compostela (o sábado 22 ás 19,30 h.) son os espazos que acollerán, respectivamente, as dúas estreas.
As responsables das pezas, que asinaron o pasado ano un contrato coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para o financiamento dos seus proxectos, recibiron tamén apoio loxístico e técnico durante o proceso de creación e montaxe. Ambas propostas sitúanse no ámbito da danza contemporánea e na exploración de novas linguaxes escénicas, ademais de ter como denominador común o protagonismo feminino, tanto na composición dos equipos artísticos como nas temáticas.
Así, Alba Fernández e Ana Beatriz Pérez asumen conxuntamente a autoría, coreografía, dirección e espazo escénico de Médula, que Artestudio Xestión Cultural define como un encontro entre linguaxes e unha mestura dos anos de experiencia e investigación que cada unha das súas creadoras alberga nos seus corpos.
A proposta, executada pola compañía Exire, unha das formacións de Artestudio, atopa nas calidades do movemento da danza urbana o texto físico da proposta, que tamén se achega ao folclore de Cuba, de onde é orixinaria unha das bailarinas, e ás danzas africanas, como xeito de regresar ás raíces da humanidade, á terra onde habitou a primeira das mulleres. A obra conta co asesoramento de Armando Martén, e voz e composición a cargo de María Move, artista que asina con Raúl Grillo a música orixinal. Durante o espectáculo sonan os tambores batá a cargo de Alexis Fernández e as pandeiretas de Halima Shalabi.
A estrea na Coruña enmarcarse no programa TRC Danza do Teatro Rosalía Castro e forma parte, á súa vez, da actividade da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de distribución de espectáculos promovido e cofinanciado pola Consellería de Cultura e Turismo.
Estrea londiniense
Pola súa banda, Emigrantas defínese como un espectáculo de danza sobre a emigración en clave de xénero. De feito, na produción participou activamente o equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais (ESOMI) e, co obxectivo de implicar ás comunidades galegas no exterior, a montaxe viaxará a Londres para presentarse o 25 de febreiro no instituto da Fundación Cañada Blanch, entidade que recibiu o último Premio da Cultura Galega na categoría de Proxección Exterior polo proxecto Galego en Londres. A estrea londiniense conta coa axuda da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta.
A bailarina e coreógrafa Kirenia Martínez Acosta dirixe a montaxe que executan no escenario David Loira e Esther Latorre. Os dous intérpretes danlle vida a unha experiencia central na súa xeración: a emigración e o retorno da última diáspora galega, a que se debeu á crise económica. Para a súa creadora, trátase dunha peza para bailar datos, estatísticas, vivencias, intuicións e posibilidades, elementos cos que tecer un ensaio bailado sobre a actual diáspora galega en complicidade coas comunidades migrantes dentro e fóra de Galicia. Babykatze e Bruno Baw desenvolveron o espazo sonoro, Branca Novoneyra asina os textos e o vestiario é obra de Jandro Villa.