Share

Convócanse as axudas para a promoción exterior do audiovisual e dos videoxogos galegos

Publícanse hoxe as bases destas subvencións, cunha dotación de 70.000 euros para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos

Apóiase a asistencia a foros de negocio especializados e as campañas promocionais daquelas produtoras con filmes seleccionados en destacados premios e festivais de cine, como o que se celebra estes días en Rotterdam con dúas fitas galegas

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as bases da convocatoria anual de subvencións para a comercialización e difusión exterior de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos, ás que destina unha dotación de 70.000 euros. O obxectivo é favorecer a participación de empresas e profesionais da nosa Comunidade en destacados foros de negocio especializados nestes ámbitos, así como contribuír á promoción dos filmes de produtoras galegas seleccionadas nas principais citas do circuíto internacional de premios e festivais.

É o caso, por exemplo, do International Film Festival de Rotterdam, que se celebra ata o domingo nesta cidade dos Países Baixos. Alí acaban de ter a súa estrea mundial dúas producións galegas, que xa recibiron previamente apoio económico da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través doutras das convocatorias dirixidas ao sector: Ariel, de Lois Patiño, para a que Filmika Galaika contou con cadansúa subvención ao desenvolvemento do proxecto e á produción; e o documental Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras e con Ángel Santos como produtor, que foi un dos adxudicatarios da liña para a promoción do talento audiovisual galego en 2022.

O certame neerlandés é un dos 42 festivais e premios de fóra de Galicia incluídos na listaxe de eventos para os que se pode solicitar unha das dúas modalidades das axudas convocadas hoxe. Nesta relación figuran tamén citas tan recoñecidas do circuíto internacional como a Berlinale, Cannes, Locarno, San Sebastián, Toronto e Venecia, así como os premios Goya ou os Oscar.

Campañas publicitarias e viaxe dos equipos

Poden solicitalas tanto as produtoras como as persoas directoras dos filmes seleccionados nalgunha das seccións detalladas nas bases para financiar unha parte dos gastos das campañas promocionais e publicitarias, a tiraxe e subtitulación das copias e o desprazamento e participación no certame de ata cinco persoas dos equipos das películas.

A outra modalidade destas axudas ten por finalidade asumir parte dos custos da asistencia de empresas galegas do sector audiovisual e de videoxogos a foros de negocio especializados. En canto ao primeiro ámbito, inclúense na convocatoria 14 mercados, como o MAFIZ do Festival de Cine de Málaga, o Natpe de Miami (Estados Unidos), o MIPTV e o Marché du Film de Cannes (Francia) ou a feira do festival de curtametraxes que se desenvolve estes días en Clermont-Ferrand, tamén en Francia. No caso dos videoxogos, subvencionarase a participación no Gamescom de Colonia (Alemaña), Gamépolis de Málaga, IndiDevDay de Barcelona e Bigconference de Bilbao.

O prazo de solicitude destas axudas, que se conceden en réxime de concorrencia non competitiva, estará aberto desde mañá e ata o 3 de novembro, ou ata o esgotamento dos 70.000 euros convocados.



Fotogramas, por orden de lectura:

  • Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras con Ángel Santos
  • Ariel, de Lois Patiño con Filmika Galaika