Share

Convocados 180.000€ en axudas ao asesoramento para novos proxectos audiovisuais a través de laboratorios, incubadoras e residencias

Poden solicitalas ata o 10 de febreiro empresas e asociacións que organicen este tipo de iniciativas en Galicia no período comprendido entre hoxe e o 1 de xullo de 2026

O obxectivo final destas subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é favorecer a solvencia e a calidade das novas propostas para cinema e televisión

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as bases das subvencións para laboratorios, incubadoras e residencias audiovisuais, a través das que destina 180.000 euros á organización deste tipo de iniciativas de formación e asesoramento na creación ou desenvolvemento de novos proxectos.

Estas axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convócanse por segundo ano consecutivo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais coa finalidade de favorecer a solvencia e a calidade na posta en marcha de novas propostas para cinema e televisión no camiño cara á fase de produción e, xa que logo, a súa viabilidade artística, técnica e financeira. Entroncan, neste sentido, con outras das subvencións autonómicas destinadas anualmente a este sector, como as de promoción do talento audiovisual galego ou as de desenvolvemento de proxectos.

Subvencións para un mínimo de catro iniciativas

O prazo de solicitude destas axudas estará aberto na sede electrónica da Xunta de Galicia entre mañá e o 10 de febreiro para empresas ou asociacións que organicen este tipo de eventos no período comprendido desde hoxe e ata o 1 de xullo de 2026. A concesión máxima sitúase no 80% do orzamento subvencionable, cun límite de 50.000 euros en cada caso, de xeito que se prevé o cofinanciamento dun mínimo de catro laboratorios, incubadoras ou residencias.

A convocatoria de 2025 introduce unha serie de cambios nos requisitos que deben cumprir as entidades solicitantes co fin de garantir unha maior solidez dos programas subvencionados. Así, deberán contar con cando menos dúas edicións celebradas nos catro anos anteriores e coa participación dun mínimo de dous proxectos galegos na última delas.

No baremo de puntuacións para a súa concesión en réxime de concorrencia competitiva, tamén se terá en conta o número de propostas de creación e/ou produción galega participantes na edición para a que se solicita a subvención e na inmediatamente anterior, ademais doutros criterios que teñen que ver coa traxectoria do equipo docente ou coa orixinalidade e calidade das actividades programadas.