Share

Conecta FICTION dobra o ritmo de acreditacións para a súa segunda edición en Santiago

O único encontro internacional dedicado en exclusiva á coprodución de ficción para televisión entre América Latina, Estados Unidos e Europa celebrarase do 18 ao 21 de xuño con importantes novidades

Incorpóranse dúas sesións máis de presentacións de proxectos, unha para series dixitais, organizada a través da plataforma de RTVE Playz, e outra para os guionistas membros de ALMA e FAGA

Prestarase unha atención especial ao audiovisual televisivo de Colombia e Alemaña

Conecta FICTION dobra o ritmo de acreditacións para a súa segunda edición en Santiago
Conecta FICTION, o encontro para a coprodución de series de televisión entre Europa e América que terá lugar en Santiago do 18 ao 21 de xuño, avanza na organización da súa  edición co incremento do 100% no ritmo de acreditacións respecto ao ano pasado e mediante a incorporación de novos apartados de presentación de proxectos.
A menos de dous meses da súa celebración, o número de inscricións no evento que promove a Xunta de Galicia con ICEX España Exportación e Inversiones e Fundación SGAE dobra xa o rexistrado nas mesmas datas en 2017. O incremento sitúase sobre todo nos acreditados procedentes de Europa (un 50% máis). Así, representantes de canles e empresas como Amazon Prime Video, Arte France, Atresmedia Studios, Boomerang TV, BTF Media, Caracol TV, Disney Media, Fox Networks Group, HBO Latin America, Mediaset España, Movistar+, RAI, Secuoya, TV Azteca, TELEFE/Viacom ou ZDF, entre outras, confirmaron xa a súa presenza.
 
Máis contidos e actividades
Entre as últimas novidades profesionais que conformarán Conecta FICTION 2 están dúas sesións de pitching: Pitch Digiseries, promovida a través de Playz, a plataforma dixital de RTVE (con prazo aberto ata o 4 de maio) e Pitch Clips, á que ata o 22 de mayo poden presentar os seus proxectos os membros do sindicato de guionistas ALMA e do Foro de Asociacións de Guionistas FAGA. Estas dúas últimas convocatorias véñense a sumar ás que xa se desenvolveron o ano pasado: Pitch Copro, que precisamente hoxe pecha o prazo de admisión, e Pitch Fundación SGAE, que xa rematou a recepción. Ademais, se en 2017 se prestou unha atención especial ao panorama audiovisual arxentino no eido televisivo, este ano son Colombia e Alemaña os escollidos como países de honra.
 
Conecta FICTION medra deste xeito en contidos profesionais (que se desenvolverán maioritariamente na Cidade da Cultura de Galicia), como tamén o fai cara ao público xeral, a través do xa anunciado festival de series aberto a toda a cidadanía e que se celebrará os días 21 e 22 de xuño no Auditorio Abanca e no Teatro Principal. Trátase de Conecta FICTION FEST, un contedor de series de televisión que relacionará a industria cos espectadores e que colocará a televisión no calendario cultural galego mediante actividades de proxección dirixidas á audiencia xeral. A protagonista do FICTION FEST deste ano será, de forma monográfica, a produción de Movistar+.
 
Difusión do audiovisual galego
Conecta FICTION 2018 abranguerá, pois, todos os xéneros e etapas da ficción televisiva: xestación, programación, emisión, financiamento e contacto entre socios coprodutores. Mantén unha plataforma de networking online continua e incluirá un programa de relatorios e coloquios centrados en grandes bloques temáticos especializados, tales como brand content, investigación de audiencias ou aspectos relacionados coas adaptacións literarias a series televisivas. Tamén está previsto un acto específico de difusión do audiovisual galego, que terá lugar na Sala Capitol o 19 de xuño.
 
En paralelo á organización da súa segunda edición, Conecta FICTION está a promoverse durante todo o ano nos principais foros internacionais dedicados á produción televisiva, como foron os casos dos actos realizados no MIPTV de Cannes ou no European Film Market de Berlín. A vindeira e última destas presentacións, antes de que teña lugar o evento en Santiago de Compostela, será o próximo xoves 3 de maio no Grand Palais de Lille (Francia) no marco do Festival Séries Mania.
 
En 2017, Conecta FICTION xerou 110 millóns de euros de negocio potencial a través da presenza de máis de 300 profesionais acreditados procedentes de 20 países e da participación de 35 canles e plataformas de televisión internacionais.

-Páxina web de Conecta FICTION