Share

Concedidos 440.000 € en axudas para o desenvolvemento de 19 novos proxectos de cine e televisión

Publícase a resolución desta convocatoria anual destinada a apoiar ás produtoras galegas na fase de preprodución dos títulos que chegarán ás pantallas nos próximos anos

As contías adxudicadas distribúense entre 16 empresas do audiovisual galego para preparar 11 longametraxes de ficción, tres documentais, unha de animación e catro series

O audiovisual galego contará con 440.000 euros para a posta en marcha de 19 novos proxectos de cinema e televisión que, segundo a resolución publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, resultaron beneficiarios da convocatoria anual de subvencións da Xunta ao desenvolvemento de proxectos neste sector. Contribuirase con este investimento á fase de preprodución dos próximos traballos de 16 produtoras galegas, entre os que se atopan 11 longametraxes de ficción, unha de animación, tres documentais e catro series.

As contías concedidas destinaranse a tarefas anteriores á rodaxe dos títulos subvencionados como a escrita do guión, financiamento, venda e distribución, xestión de dereitos, investigación ou elaboración de materiais promocionais, entre outras.

Máis de 6,8 M€ para apoiar todo o proceso audiovisual

Esta é unha das nove liñas do programa de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao sector para este ano 2024, a través das que se convocaron máis de 6,8 millóns de euros para dar cobertura a todo o proceso audiovisual: desde estes traballos de preprodución, o impulso ao talento e á escrita de guións, ata a produción e rodaxe, pasando pola promoción do noso cinema en foros de negocio e mostras internacionais ou o labor das salas de cinema e os festivais.

Financiadas pola Xunta e o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), estas subvencións ao desenvolvemento de proxectos estrutúranse en diferentes modalidades. Na categoría A para futuras longametraxes cinematográficas de ficción, as propostas apoiadas son A raíz, de Miramemira; Síbaris, de Treboamedia; Detrás de la luz e Vin a noite que nunca remata, de Filmika Galaika; Salvaje, de Esnatu Zinema; Karbo CF, de Cósmica Producións; A morte nos teus ollos, de Sétima; Segundones. Un show que nadie Vi(g)o venir, de Ficción Producciones; Sombra que cae, de Zeitun Films; Os reis imaxinarios, de Cristela Torres Nine, e Cinzas, de Ollo Vivo.

Floreano, de Ensenada de Ézaro Films, é o proxecto seleccionado na modalidade B de longas de animación, mentres que Mulleres en rede, de Undodez Producións; Lebrescura, de Rebordelos, e A memoria da auga, de Abano Producións, resultaron beneficiarios na categoría C para longametraxes de cine documental.

En canto á modalidade D para series tanto de ficción como de animación, reciben axuda Pipo, de Undodez Producións; Enoki e Snip, de Artyc Content; Nexo, de Voz Audiovisual, e Liros, de Ficción Producciones.

Para a concesión destas subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, avaliáronse aspectos referidos á promoción do novo talento e da igualdade no ámbito da creación galega, a autoría novel, a solvencia da produtora ou o impacto do proxecto no sector audiovisual galego. Tamén se tiveron en conta a orixinalidade da proposta, a súa calidade e a traxectoria do equipo proposto.


  • Máis información
  • Na imaxe, rodaxe de As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns con Sétima na produción, subvencionada a través de anteriores convocatorias de axudas ao desenvolvemento de proxectos e á produción audiovisual.