Share

Concedidos 150.000 euros para impulsar as carreiras musicais de 12 artistas e bandas de Galicia

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude resolve a concesión da nova liña de subvencións para proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical

O obxectivo de impulsar o talento galego neste eido, que se suma a outras accións que inciden tamén no sector musical

As propostas subvencionadas corresponden aos novos lanzamentos de A Banda da Loba, Alana, Crúas, De Ninghures, Fillas de Cassandra, Filloas, Grande Amore, Leticia Rey, Marcos Coll, Mondra, Pablo Sanmamed e Sabela

A Xunta de Galicia acaba de publicar a concesión da súa nova liña de axudas para proxectos musicais, a través da que contribúe ao impulso das carreiras de 12 artistas e grupos de Galicia cun investimento de 150.000 euros. Os proxectos subvencionados corresponden á creación, produción, promoción e difusión dos novos lanzamentos de A Banda da Loba, Alana, Crúas, De Ninghures, Fillas de Cassandra, Filloas, Grande Amore, Leticia Rey, Marcos Coll, Mondra, Pablo Sanmamed e Sabela.

O obxectivo desta convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é contribuír ao desenvolvemento do talento musical galego, ao tempo que consolidar a cadea de valor desta industria cultural, de maneira que se favoreza a calidade dos proxectos, a profesionalización e a modernización, co foco posto no uso das novas tecnoloxías e a dixitalización. Neste sentido, as beneficiarias destas subvencións, que non poden superar os 15.000 euros por proxecto, son as empresas de management ou de edición fonográfica que traballan coas devanditas bandas e artistas no despegue ou a consolidación das súas carreiras.

Apoio para impulsar o talento musical galego

Deste xeito, reciben este apoio as iniciativas presentadas por Tremendo Audiovisual para o lanzamento de Hibernarse, a nova proposta multiformato do dúo Fillas de Cassandra que constará dun EP en formato vinilo, un fanzine, un filme e un concerto de presentación; Ernie Producciones para a campaña arredor do disco III, de Grande Amore, o proxecto de Nuno Pico convertido agora en trío coas incorporacións de Clara Redondo e mariagrep, e Play Plan Cultural para a gravación, edición e promoción do próximo EP de Sabela, con novos temas de pop electrónico en galego.

De igual xeito, contarán con estas axudas Seispés Producións Creativas para o espectáculo de presentación do segundo disco de Mondra, De ronda, que verá a luz o vindeiro mes de maio, e Nordesía Producións para a segunda entrega do proxecto en solitario do músico de blues Marcos Coll.

A compañía Tremendo Audiovisual é tamén beneficiaria para o lanzamento e presentación de Feira, o novo traballo de De Ninghures con Juan de Dios na produción. E en cifras similares atópanse Urdime, para o plan de impulso da carreira de Alana, asociado ao vindeiro disco desta banda que mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop, e Noente Paradise, para o novo traballo de Pablo Sanmamed que se fundamenta na revalorización e popularización do noso patrimonio musical e na aposta por un elenco artístico xa consolidado no panorama galego.

Completan a listaxe de iniciativas outro dos proxectos presentados por Seispés Producións Creativas para Lovismo, a quinta referencia discográfica de A Banda da Loba; 10D10 Soluciones Acertadas para o desenvolvemento artístico de Danza luz, o próximo lanzamento de Leticia Rey; Eidon Música para Súbete ao EVA, no que Filloas conecta a súa paixón pola cultura pop e a música urbana coas inquedanzas xeracionais, o uso de novas tecnoloxías e IA, e Regala Música para o novo de Crúas, dúo feminino de pianos e voz que con composicións propias e textos de autoras galegas como Xela Arias ou Yolanda Castaño.

A concesión destas subvencións a proxectos musicais resolveuse en réxime de concorrencia competitiva a partir da valoración das traxectorias das empresas e das formacións musicais para as que se solicitaba a axuda, así como do uso do galego ou a presenza feminina en postos relevantes do proxecto, entre outros aspectos.

Reforzo do apoio ao talento musical

Esta nova liña de apoio conecta con outras convocatorias e accións da Axencia Galega das Industrias Culturais que tamén inciden no sector musical, como as destinadas á contratación de grupos galegos nos festivais ou nos espazos integrantes da Rede Galega de Música ao Vivo e da Rede Galega de Teatros e Auditorios e mais nos concellos do circuíto Cultura no Camiño.

Esta dinámica de traballo viuse tamén reforzada nos últimos anos con dúas edicións da aceleradora musical Sonemerxente, xestionada pola Xunta en colaboración coa Fundación Paideia Galiza e a través da que se lles deu pulo aos proxectos de 22 novos artistas e grupos da nosa Comunidade, entre os que se atopan os xa mencionados De Ninghures, Filloas e Mondra.


Imaxes, por orde de lectura:

  • Fillas de Cassandra
  • A Banda da Loba
  • Alana
  • Crúas
  • De Ninghures
  • Filloas
  • Grande Amore
  • Leticia Rey, Marcos Coll
  • Mondra
  • Pablo Sanmamed
  • Sabela