Share

A compañía Elefante Elegante inicia coa estrea de ‘Alta costura’ unha nova actividade escénica plurianual apoiada pola Xunta

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participou na presentación do espectáculo que se amosará ao público xeral o 24 de maio nas Pontes de García Rodríguez e iniciará despois a súa distribución por Galicia

A creación de María Torres e Gonçalo Guerreiro aborda o fenómeno da ‘fast fashion’ cunha obra de linguaxe xestual irónica e poética

Integran o elenco Sofía Espiñeira, Raquel Crespo, Pablo Sánchez e María Torres

Elefante Elegante estrea o vindeiro 24 de maio no Auditorio-Cine Alovi das Pontes de García Rodríguez a súa última creación, Alta costura, unha proposta que afonda no mundo da moda e a súa estreita relación co consumo.  Con esta obra, a compañía inicia un novo período de actividade que se desenvolverá ata 2026 con varios proxectos de produción e distribución apoiados pola Xunta de Galicia.

Así o indicou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen acudiu á localidade coruñesa para acompañar o equipo do espectáculo na súa presentación diante dos medios. No acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude defendeu o valor desta tipoloxía de axudas plurianuais como unhas das modalidades que se ofrecen na convocatoria de subvencións á creación escénica, por canto lles permiten ás empresas teatrais levar a cabo planificacións artísticas integrais e a máis longo prazo, así como manter as súas estruturas.

Así, Elefante Elegante, que xa fora beneficiaria deste tipo de apoio con anterioridade, acadou en 2024 unha nova subvención de 100.000 euros, coa que combinará a produción de Alta costura coa súa seguinte proposta, Coralina, e a coa distribución doutras montaxes que actualmente mantén en repertorio, como son Kyoki, Alma de tigre e Cubo.

Neste sentido, Jacobo Sutil destacou tamén a capacidade da compañía para asumir os labores de creación artística cos de preprodución, ao tempo que desenvolve un intenso calendario de actuacións dentro e fóra de Galicia. “De feito, o pasado ano, foi invitada polo Gostner Hoftheather de Nuremberg para representar en Alemaña unha adaptación da novela Os bicos feridos, de Anna R. Figueiredo”, especificou.

Teatro de movemento

Creada por María Torres e Gonçalo Guerreiro a partir dun texto de Tiago Alves Costa, Alta costura aborda o fenómeno da industria fast fashion a través dun espectáculo sobre a moda e a súa estreita relación co consumo, o recoñecemento social, a contaminación, a saúde e as condicións laborais. Trátase dunha creación de teatro de movemento que se detén detalladamente na lóxica do mercado, nas emocións vencelladas á necesidade de adquirir máis roupa e a rapidez coa que os produtos son desvalorizados e se transforman en residuos contaminantes.

Baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro, Sofía Espiñeira, Raquel Crespo, Pablo Sánchez e María Torres interpretan unha creación de teatro visual na que os performers, usando a súa creatividade, utilizan o corpo como acróbatas e as palabras como músicos que dominan o tempo, as pausas e o ritmo de falar en escena. A escenografía e o atrezzo teñen a dobre misión de articular o movemento físico e organizar o espazo escénico.

A compañía continúa a súa busca manifesta da estética con esta nova creación, na que as formas e as cores gañan protagonismo para potenciar a evocación simbólica da peza.

Trala súa estrea nas Pontes de García Rodríguez este sábado ás 20,00 h., Alta costura comezará a súa distribución en distintos escenarios galegos.