Clan TV estrea o luns a serie infantil de Portocabo e RTVE ‘Los argonautas y la moneda de oro’, rodada en Galicia
O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asiste no Teatro Colón da Coruña á ‘première’ deste novo título da produtora galega no marco do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual do Goberno autonómico

O Teatro Colón da Coruña foi esta tarde o escenario da preestrea da serie infantil Los argonautas y la moneda de oro, coprodución de Portocabo e RTVE que foi filmada o pasado verán entre Laxe e A Coruña co apoio da Xunta a través do fondo para a atracción de rodaxes do Hub Audiovisual. En concreto, a produtora coruñesa contou cunha subvención de 350.000 euros para os 20 capítulos que conforman a primeira serie en imaxe real de Clan e que esta canle comezará a emitir o vindeiro luns 26 de xuño.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o equipo na première desta tarde, así como na presentación previa aos medios de comunicación. Nela interviñeron, ademais, o produtor executivo de Los argonautas, Alfonso Blanco; a súa directora, Lucía Estévez; o director de Contidos Infantís de RTVE e Clan, Yago Fandiño, e o director de contidos de CRTVG, Fernando Ojea.
Sutil tomou a palabra para subliñar a consolidación de Portocabo como produtora de referencia na produción de ficción a nivel estatal. Referiuse, neste sentido, a outros dous títulos tamén rodados en Galicia como proxectos do Hub Audiovisual:a segunda temporada de Los enviados para Paramount+ e as dúas primeiras entregas de Rapa, que xa poden verse completas en Movistar Plus+. Para o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, estes traballos exemplifican, así mesmo, o excelente momento do audiovisual galego tanto a nivel artístico coma técnico e profesional, recoñecido tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.
Intérpretes noveis
Referiuse, así mesmo, aos valores que Los argonautas y la moneda de oro lle transmite á rapazada de entre 9 e 12 anos, a quen se dirixe prioritariamente esta serie live action interpretada por Eva Fernández, Federico Pérez e as actrices e actores noveis Aliyah Fidalgo, Sarela Montes, Brais Sixto, Claudia Pujaldes, Juan Rodríguez, Lúa Varela ou Xoel Río, entre outros.
O verán é igualmente a época elixida para a súa emisión, que dará comezo a partir do vindeiro luns na plataforma Clan cun episodio diario ás 21,00 h.
O Hub Audiovisual Industria Cultural é un programa desenvolvido pola Xunta de Galicia e financiado ao 100% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe React-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.