Budiño abre mañá en Burela a nova temporada da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que suma máis de 550 actuacións en 2019
A Xunta promove este circuíto profesional de espectáculos, que conta cun orzamento anual de 1,48 millóns de euros cofinanciado coas entidades locais xestoras dos seus máis de 40 espazos asociados
O segundo período de programación deste ano estenderase de agosto a decembro con 205 funcións escénicas e musicais en 39 localidades
Budiño será o encargado de abrir mañá en Burela o segundo período da programación anual da Rede Galega de Teatros Auditorios, impulsada pola Xunta. O concerto que ofrecerá ás 22,00 h. na carpa da Festa do Bonito dentro da xira de presentación de Fulgor, o seu novo traballo, será a primeira das 205 citas culturais que terán lugar entre os meses de agosto e decembro no marco deste circuíto, que durante 2019 terá promovido 554 funcións en 39 localidades das catro provincias.
Para levar a cabo esta programación, a rede conta este ano cun orzamento de 1,48 millóns de euros, cofinanciado pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e as entidades locais xestoras dos máis de 40 espazos asociados. Con máis de 20 anos de traxectoria, trátase dunha das máis amplas e estables canles de encontro entre o público e a nova produción escénica e musical galega. Así, en 2019 o devandito investimento destínase integramente á contratación de 152 compañías profesionais de teatro, música, danza, novo circo e maxia, a meirande parte delas galegas.
Ademais do concerto de Budiño, esta carteleira ten previstas outras oito citas para agosto. Cinco delas serán co público infantil en Foz, onde o luns 5 poderá verse Don Quixote, unha comedia gastronómica de Limiar Teatro, o martes 6Aguratrat de Pérez&Fernández e o luns 12 Os tres porquiños de EducaTeatro Producións; na praia de Barraña de Boiro, onde o xoves 8 Larraitz Producións Artísticas representará o espectáculo Dona Barriga Verde, e en Noia, coa posta en escena de Riscando o ceo por Circo Chosco o martes 13 no Teatro Coliseo Noela.
A oferta deste mes na Rede Galega de Teatros e Auditorios complétase con outros tres concertos a cargo de Treixadura o día 8 na praza Maior do Carballiño, María do Ceo o día 10 no parque das Ánimas de Gondomar e Adhara and Ritman o día 17 na praza da Muller de Cee.
Novos espectáculos en rede
A programación intensificarase a partir de setembro, xa que a Rede Galega de Teatros e Auditorios contratou para este segundo semestre do ano 89 compañías e grupos profesionais, dos que 83 teñen a súa sede en Galicia. Moitas delas preséntanse nesta temporada coas súas novas producións, que teñen no seo deste circuíto algunhas das súas primeiras citas co público. Será o caso de Contraproducións con O electo, Chévere con Curva España, Limiar Teatro en coprodución co Centro Dramático Galego con Se fosen turistas levarían gafas de sol, Odaiko con Circopeta, Pérez&Fernández con Os nenos da varíola, Producións Dispersas con Todas as marabillas do mundo, Producións Teatráis Excéntricas con Medida por medida, Teatro da Ramboia con O meu mundo non é deste reino e Sarabela Teatro con Crónicas do paraíso.