Share

As bandas galegas Alto Volta, Inerttes e La Cloaka Sound & J.C.A. tocarán en varios festivais de verán tras gañar SonidosMans

Foron seleccionadas xunto a outros tres grupos emerxentes de Albacete, Madrid e Navarra entre os 330 de toda España que se presentaron á segunda edición do concurso organizado pola Fundación Paideia, co apoio da Agadic

O Son do Camiño, Portamérica, Vive Nigrán, Atlantic Fest, SinSal Son Estrella Galicia, Revenidas, O Marisquiño e Festival da Luz colaboraron con esta iniciativa elixindo estas formacións entre 25 finalistas como parte dos seus carteis

As bandas galegas Alto Volta, Inerttes e La Cloaka Sound & J.C.A. tocarán en varios festivais de verán tras gañar SonidosMans
O concurso para bandas emerxentes SonidosMans, organizado pola Fundación Paideia Galiza co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, anunciou hoxe os seis grupos que foron elixidos entre 330 de toda España para seren incluídos nos carteis de oito festivais galegos.
As bandas seleccionadas nesta segunda edición do certame son as pontevedresas Alto Volta, que tocará en Portamérica e no Atlantic Fest; Inerttes, en Vive Nigrán; e La Cloaka Sound & J.C.A., en O Marisquiño, xunto con The Niftys (Albacete), en O Son do Camiño; DOÑA (Navarra), en Sinsal Son Estrella Galicia; e The Dawlins (Madrid), no Revenidas e no Festival da Luz.
 
Foi un xurado designado por cada un dos eventos colaboradores o encargado de decidir que bandas, de entre 25 finalistas, formarían parte da súa programación. Nunha fase previa, a xornalista musical Paula Quintana, directora e presentadora do programa Capitán Demo de Radio 3, encargouse de seleccionar 50 propostas entre as 330 que se presentaron de toda España, principalmente de Galicia (134), Madrid (60), Andalucía (33) e Cataluña (26).
 
A continuación, abriuse unha fase pública na plataforma www.sonidosmans.com, a través da que se emitiron preto de 50.000 votos que decidiron as 25 bandas emerxentes propostas aos festivais. Estes seleccionaron, así mesmo, cadanseu grupo de reserva, entre os que tamén se atopan outros dous galegos: Vuelta y Media (Pontevedra) para Vive Nigrán e Fábrica de Espejos (Lugo) para O Marisquiño.
 
Esta iniciativa de apoio a formacións e artistas emerxentes enmárcase na liña de colaboración que a Agadic mantén coa Fundación Paideia-Estudios Mans co obxectivo de poñer en valor o emprendemento e a creatividade no ámbito musical. Neste caso, a través dun certame que lles ofrece ás bandas gañadoras a oportunidade de gravar nun estudio profesional e de compartir cartel con grandes figuras internacionais.

-Grupos gañadores no web de SonidosMans