Share

Balance da boa acollida da representación galega en 'Dansa València' con Daniel Rodríguez e Colectivo Glovo

Ambas as formacións amosáronse moi satisfeitas coa recepción dos seus espectáculos Transeúnte e Trïade, respectivamente, por parte do público e dos profesionais acreditados nesta mostra de referencia estatal

A colaboración con encontros profesionais do sector e a convocatoria anual de axudas á distribución de espectáculos centran o apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude á proxección exterior das propostas coreográficas de Galicia

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, en representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, recibiu hoxe as dúas compañías galegas seleccionadas na recente 38ª edición de Dansa València para facer balance do seu paso por esta mostra, referente do sector a nivel estatal. Daniel Rodríguez e Hugo Pereira, de Colectivo Glovo, amosáronse moi satisfeitos coa boa acollida dos seus espectáculos Transeúnte e Trïade, respectivamente, por parte do público e dos profesionais acreditados neste encontro, no que participaron grazas ao acordo de intercambio promovido pola Xunta a través do mercado Galicia Escena PRO.

Na xuntanza, á que tamén asistiu Pilar Portela, coordinadora de Música e Danza da Axencia Galega das Industrias Culturais, ambas as compañías trasladáronlles os primeiros resultados das súas actuacións da pasada semana capital valenciana. Así, a compañía de Daniel Rodríguez estableceu destacados contactos cara á proxección exterior de Transeúnte, montaxe coproducida polo Centro Coreográfico Galego que foi representada na xornada inaugural do mércores.

A Plaça del Mercat foi o escenario para esta peza, que a dirección da mostra valenciana seleccionou tras asistir á presentación do proxecto nas sesións de pitchings de Galicia Escena PRO 2024. Nela ponse o foco na dualidade entre o permanente e o transitorio dos instintos nos corpos atravesados polo folclore e a tradición, integrando influencias do noso contexto actual.

Funcións en catro países

Pola súa banda, Colectivo Glovo pechou en Dansa València varias funcións internacionais de Trïade, que viaxará este mesmo ano a Francia e xa en 2026, a Bulgaria, Italia e Estados Unidos. Esta peza de carácter ritual e de culto ás antepasadas e ás raíces puido verse o domingo na Plaça dels Furs.

Este intercambio con Dansa València, a partir do que a feira Galicia Escena PRO traerá en xuño a Santiago de Compostela un espectáculo desa Comunidade, forma parte do traballo que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén desenvolvendo a prol da internacionalización dos proxectos coreográficos galegos, que ten como eixos principais a colaboración con encontros de referencia para o sector e a convocatoria anual de subvencións para a distribución exterior de espectáculos.


  • Fotos en Dansa València: Eva Máñez / José Jordán