Share

Novas axudas para o apoio integral ás carreiras musicais de artistas e grupos de Galicia cunha dotación de 150.000 euros

O Consello da Xunta de Galicia autoriza a próxima convocatoria destas subvencións para un mínimo de 10 proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical, presentados por empresas de management ou edición fonográfica

Valoraranse para a súa concesión criterios relacionados coas traxectorias empresariais e artísticas, co emprego do galego ou coa presenza feminina

O Consello da Xunta aprobou a activación dunha nova liña de subvencións para proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical, a través da cal se investirán 150.000 euros no apoio integral a carreiras de artistas e grupos que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

O obxectivo desta convocatoria, inserida no programa de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais para 2025, é impulsar o talento musical galego, ao tempo que consolidar a cadea de valor desta industria cultural, de xeito que se favoreza a calidade dos proxectos, a profesionalización e a modernización, co foco posto no uso das novas tecnoloxías e a dixitalización.

Poderán optar a estas axudas empresas galegas (pemes e persoas traballadoras autónomas) que se dediquen ao management artístico ou á edición fonográfica para impulsar o ascenso ou a consolidación dos artistas e bandas que representan a través de calquera dos ámbitos do proceso musical.

Ata 15.000 euros por proxecto

As bases elevadas hoxe ao Consello da Xunta establecen unha axuda máxima de 15.000 euros por proposta, cunha intensidade de ata o 75 % do orzamento subvencionable, de xeito que poidan cofinanciarse un mínimo de 10 proxectos. Para a súa concesión, en réxime de concorrencia competitiva, valoraranse as traxectorias da empresa e da formación musical para a cal se solicita a axuda, así como o uso do galego ou a presenza feminina en postos relevantes do proxecto, entre outros aspectos.

Subvencionaranse mediante esta convocatoria gastos realizados entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de maio de 2026 que teñan que ver coa creación, consolidación ou impulso da imaxe de marca do artista ou banda, os estudos de mercado e as estratexias de posicionamento, a concepción, o lanzamento e a presentación dun novo produto musical, os labores de promoción, ou a gravación e distribución de traballos discográficos.

A Xunta asume estas novas axudas con fondos propios, tras unha convocatoria anterior publicada en 2022 ao abeiro do Hub Audiovisual Industria Cultural Galega con cargo aos fondos Feder dentro do eixo React-UE. Os 29 proxectos artísticos subvencionados daquela volta non poderán optar ás axudas de 2025, de xeito que teñan cabida nelas novas propostas galegas cara ao seu ascenso ou consolidación no mercado musical.

Ademais e en diálogo cos principais colectivos sectoriais, introduciuse outra serie de modificacións nos requisitos de solicitude e nos criterios de selección para unha mellor adecuación á realidade do sector en Galicia.