Share

As axudas da Xunta ás infraestruturas culturais contribúen a dotar de novo equipamento á Casa da Cultura do Milladoiro

As axudas da Xunta ás infraestruturas culturais contribúen a dotar de novo equipamento á Casa da Cultura do Milladoiro

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou hoxe o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, en Ames, con motivo da adquisición do novo equipamento audiovisual para o espazo do auditorio, adquirido a través  da subvencións da Xunta para a modernización das infraestruturas de artes escénicas e musicais e polas que o concello amesán percibiu 29.646 euros. Acompañado pola concelleira de Cultura da localidade, Natividade González, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades comprobou o funcionamento da nova pantalla, proxector, cámara negra e iluminación de tecnoloxía LED do recinto, un dos 46 beneficiarios da primeira quenda desta liña de axudas.
 Precisamente hoxe remata o prazo de presentación á segunda convocatoria, coa que se eleva a 2,08 millóns de euros o investimento na mellora de teatros, auditorios e salas, tanto de xestión pública como privada. O departamento de Industrias Culturais da Xunta encárgase da xestión en Galicia desta canle extraordinaria de apoio ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU. A dixitalización, a xestión sustentable e o respecto medioambiental son as prioridades deste programa de fomento, de xeito que se está a facilitar a renovación dos sistemas dixitais de iluminación, vídeo, audio e comunicación en rede, maquinaria escénica, xestión artística e produción. Deste xeito, o investimento repercute nunha mellora das condicións de traballo do persoal técnico e artístico e nunha maior calidade na exhibición dos espectáculos diante do público, ademais de atender as necesidades de rehabilitación dos edificios para favorecer a súa adaptación ao cambio climático.