As axudas da Xunta ao talento musical impulsan a produción de 18 novos traballos discográficos
Publícase na web da Agadic a adxudicación de máis de 100.000 euros a unha ducia de empresas musicais para diferentes fases relacionadas coa gravación e promoción de discos, ep, dvd e videoclips de moi diferentes estilos
Apóianse os debuts de Caamaño & Ameixeiras, Grande Amore, Supermeiga, Natary Feel ou Espazo en Branco, así como os novos discos de Mounqup, Xoel López, Cuarteto Caramuxo, Ortiga, Pauliña, Santi Araújo ou The Skarnivals, entre outros

A Xunta de Galicia acaba de publicar na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a adxudicación da súa liña anual de axudas para a promoción do talento musical no ámbito da produción fonográfica, a través das que distribúen máis de 100.000 euros entre 18 novos traballos discográficos doutros tantos artistas e grupos.
Os proxectos subvencionados foron presentados por unha ducia de produtoras e promotoras, ás que se dirixe especificamente esta liña de apoio, convocada por segundo ano consecutivo pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade co obxectivo de favorecer tanto o lanzamento como a consolidación de novas carreiras musicais, de xeito que se impulse a profesionalización do sector, a normalización no uso da lingua galega e o enriquecemento cultural a través da música.
Desde xeito, a través da modalidade A contribúese a oito debuts discográficos, como os do dúo de música de raíz Caamaño & Ameixeiras, presentado por Arturo Vaquero; Grande Amore e Vera Fauna, por Ernie Producciones; o do grupo de música infantil Supermeiga e da cantautora viguesa Naraty Feel, por Regalamúsica; Espazo en Branco, por Litium Records, e mais os proxectos en solitario de Fernando Abreu (Mare) e Fernando Esclusa.
Consolidación
Na modalidade B, dirixida a artistas e grupos cun máximo de catro discos anteriores no mercado, son 10 os traballos subvencionados, entre os que destaca igualmente a variedade de estilos. Así por exemplo, apóiase o traballo da pianista tudense Andrea González Pérez xunto a Randomize Music con composicións de Frei Rosendo Salvado; a que será a nova referencia discográfica de MounQup co selo Molho; o recentemente estreado Si mi rayo te alcanzara (Esmerarte), de Xoel López; A malfalada (Xonix Records), de Pauliña; as novas propostas de Mare con Marcelo Dobode e Cuarteto Caramuxo; de Ernie Producciones con Ortiga e Santi Araújo, e de Galunk Produccións con The Skarnivals, así como o DVD de despedida de NAO (PlayPlan Cultural).
Mediante esta convocatoria, contribúese a impulsar os traballos relacionados co seu deseño, preprodución, produción, edición e promoción, incluíndo en moitos dos casos a presentación de singles e videoclips.
A súa concesión realizouse en réxime de concorrencia competitiva, a partir da valoración das solicitudes por unha comisión de acordo cuns criterios preestablecidos, entre os que figuraban a traxectoria da empresa nos tres anos anteriores, a presenza feminina na produción, o emprego da lingua galega, a proposta de difusión e comercialización, a implicación doutras empresas e/ou profesionais galegos ou a calidade do proxecto.
-Máis información