AveLina Pérez e Paula Carballeira gañan os premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María da Agadic
Ás oito da tarde, cando morren as nais é a obra coa que AveLina Pérez obtivo o Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, mentres que Paula Carballeira conseguiu por terceira vez o Manuel María de literatura dramática infantil con Somos os monstros
Ambos os galardóns entregaranse o domingo 2 de decembro en Pontevedra no marco da feira Culturgal
O xurado resolveu deixar deserto o XII Barriga Verde de textos para monicreques
Estes recoñecementos da Xunta, que serán entregados o domingo 2 de decembro en Pontevedra no marco da feira Culturgal, comparten o obxectivo de estimular a creación literaria para teatro en Galicia, ao tempo que impulsan a súa posta en valor e proxección social. Neste sentido, ademais dunha dotación de 6.000 euros para cada premio e categoría, as bases contemplan a posibilidade de que as obras sexan publicadas dentro das coleccións literarias que a Agadic mantén xunto con varias editoriais galegas.
Nesta ocasión, o xurado estivo presidido por Laura Tato e del tamén formaron parte, como vogais, Ana Carreira, Cristina Domínguez, Laura Míguez, Cándido Pazó e Roi Vidal Ponte. O seu ditame foi emitido tras valorar os 75 textos presentados á convocatoria de 2018, dos que 39 optaban ao Álvaro Cunqueiro, 13 ao Manuel María e 23 ao Barriga Verde (14 na modalidade infantil e 9 na de adultos).
Obra lúdica e crítica
A súa decisión de lle conceder o Cunqueiro a AveLina Pérez foi adoptada por maioría, salientando na acta o carácter lúdico e crítico de Ás oito da tarde, cando morren as nais, que “explota as posibilidades do xogo escénico cunha concepción aberta do espazo e cunha mirada irónica sobre a relación entre o teatro e a súa recepción”. Segundo a propia autora, o texto “achega un canto coral sustentado no absoluto baleiro”, de xeito que o teatro cede o seu escenario ao “espectáculo da estupidez”.
Este funcionamento coral e musical dos personaxes foi destacado igualmente polo xurado, que subliña tamén a soltura rítmica, a fluidez dos diálogos e a coherencia dramatúrxica do texto, “que consegue trasladar o foco da escena cara ás butacas cunha temática autocrítica e metateatral, e un estilo de gran forza expresiva cheo de humor e de crítica sociolóxica”.
Con Ás oito da tarde, cando morren as nais, AveLina Pérez súmase á destacada listaxe de autores galardoados desde 1988 co Álvaro Cunqueiro, ao tempo que incorpora este á súa listaxe de recoñecementos como autora teatral. Entre eles, por exemplo, o Abrente de textos teatrais 2018 por O día no que bicar a terra e varios premios de dramaturxia breve e radio teatro.
Titulada en Dirección de Escena e Dramaturxia pola Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e formada en interpretación na escola Santart, dirixe a compañía Teatro do Lume e reconduce o seu traballo cara a un novo proxecto de creación baixo o seu propio nome. Directora, dramaturga e actriz das pezas Vaguedás, A que non podes dicir cocacola, Reconvertindo espazos (cocreadora), Gañaremos o pan coa suor da túa fronte, Honey Rose e Os cans non comprenden a Kandisnsky, a súa nova produción leva por título Deixa de tocala, Sam e será estreada en breve xunto ao pianista Velpister.
Terceiro Manuel María para Paula Carballeira
Pola súa banda, a obra Somos os monstros válelle a Paula Carballeira o seu terceiro Premio Manuel María de literatura dramática infantil, que xa obtivera na súa primeira convocatoria en 2006 con Boas noites e en 2011 con O refugallo.
Nesta décima edición, o xurado foi unánime na decisión de elixir o seu texto como gañador, incidindo na súa “boa carpintaría dramática, que posibilita un xogo escénico moi dinámico no que se pode aproveitar moi ben o espazo e o tempo teatral, moi na liña dos xogos infantís”. Así, os seus personaxes, situacións e diálogos semellan de debuxo sinxelo, mais logran transmitir un trasfondo potente e un universo simbólico suxestivo e interesante para o espectador infantil e adolescente. A autora aborda aquí o mundo dos monstros que, na súas palabras, “ás veces, moitas veces, non son moi diferentes de nós cando nos miramos no espello”.
Paula Carballeira dedícase profesionalmente ao teatro e á narración oral dende hai máis de vinte anos e é autora de numerosos libros, principalmente de literatura infantil e xuvenil: os devanditos O refugallo e Boas noites, Paco, Correo urxente, Smara, A burra Ramona ou Misterios, citando só algúns dos seus títulos premiados.Membro da compañía Berrobambán dende 1996, a súa traxectoria como directora e actriz desenvólvese tamén en proxectos escénicos doutras compañías. Participou como convidada en destacados festivais de narración oral, tanto a nivel estatal como internacional, ademais de traballar en diferentes series e espazos da TVG.