ArtesaCía representa a comedia 'Chola a it girl' no Salón Teatro dentro do programa de residencias artísticas do CDG
Laura Villaverde interpreta unha influencer galega, rural e 100% ecolóxica nesta peza, que poderá verse en Santiago desde mañá xoves ata o domingo
O equipo do espectáculo intercambiará impresións cos asistentes á función de mañá no marco do programa de encontros co público na sede do Centro Dramático Galego
ArtesaCía traballa esta semana na sede do Centro Dramático Galego (CDG) no Salón Teatro de Santiago, onde desde mañá día 31 ao domingo 3 de febreiro representará a comedia Chola a it girl. Farao como unha das cinco compañías que participan esta temporada no programa de residencias artísticas da compañía pública, que pon á súa disposición as instalacións da súa sede e o apoio do equipo técnico para ultimar ou perfeccionar as súas propostas.
No caso de ArtesaCía, a peza teatral Chola a it girl forma parte do proxecto transmedia Chola&Lola, con creación, dirección e interpretación de Laura Villaverde. Deste xeito, ademais de no escenario, a historia de Choladesprégase través de múltiples medios e ferramentas narrativas, entre as que se atopa un canal de YouTube, un blog, perfís en redes sociais e unha tenda en liña.
Seguindo o estilo dos shows de coñecidos monologuistas, nesta comedia Laura Villaverde dálle vida á gran influencer galega Chola, cuxos trucos de beleza 100% ecolóxicos arrasan en YouTube. Agora é contratada por un teatro para realizar o seu primeiro titorial en directo, no que revelará en 10 sinxelos pasos os trucos para converterse nunha ‘It Girl rectificada’: youtuber, blogueira, mecánica de coches, traballadora do rural e piloto de rallys, ao volante do automóbil co que comparte escenario. Pero todo dá un xiro cando a protagonista recibe unha chamada en directo que a levará a confesar a súa faceta máis oculta e porá en evidencia as súas imperfeccións e humanidade, atributos nos que radica o seu éxito.
No Salón Teatro, representarase desde mañá xoves ao sábado, ás 20,30 h., e o domingo, ás 18,00 h. Ademais, tras a función de mañá terá lugar un encontro co público, no que os asistentes terán a oportunidade de intercambiar impresións sobre o espectáculo co equipo de ArtesaCía.
A venda anticipada de entradas xa está operativa en entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443 a un prezo de 8 euros (cos descontos habituais) de xoves a sábado e de 5 euros o domingo (tarifa única do Día do Espectador). Poderán adquirirse, así mesmo, no despacho de billetes do teatro, aberto desde dúas horas antes do comezo das funcións.
-Máis información no web do CDG
-Chola&Lola