Aprobado un novo convenio por valor de 60.000 € para continuar a fomentar a actividade dos cineclubs de 13 localidades galegas
O acordo autorizado no Consello posibilitará o desenvolvemento ata novembro dunha programación que inclúe 13 ciclos e seis semanas de cine
Apóiase o labor destas asociacións culturais para conformar unha carteleira cinematográfica descentralizada e de calidade, con especial atención á produción audiovisual galega
O Consello da Xunta de Galicia aprobou o novo convenio de colaboración coa Federación de Cineclubes de Galicia para o desenvolvemento ata novembro deste ano dunha ampla programación cinematográfica que chegará a 13 localidades galegas a través das pantallas dos cineclubs asociados. Cunha dotación de 60.000 euros, entre as accións apoiadas destaca a organización de 13 ciclos e seis semanas de cine, ademais da terceira edición do Programa Filmoteca, polo que a cinemateca da Xunta estenderá unha escolma da súa carteleira fóra da súa sede na cidade da Coruña.
Neste último caso, o obxectivo é continuar descentralizando a actividade de exhibición que se desenvolve na sala de proxeccións José Sellier mediante unha programación que chegará inicialmente este ano a nove municipios: A Illa de Arousa, Bueu, Cangas de Morrazo, Lugo, O Carballiño, Ourense, Pontevedra, Tui e Vilagarcía de Arousa. Así, o Programa Filmoteca ofrécelle ao público destas poboacións unha escolma representativa da carteleira ofrecida na Coruña durante o último ano, con especial atención á produción galega máis recente, para a cal se reserva o 20 % das proxeccións. A próxima cita que figura nesta axenda é a proxección das longametraxes Smog en tu corazón, de Lucía Seles, esta tarde en Ourense, e La condena, de Bela Tarr, o mércores 29 de abril en Lugo.
Ao abeiro deste acordo, o Goberno galego, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, presta desde 2015 un apoio continuado á Federación de Cineclubes de Galicia, co obxectivo de garantir e fomentar a estabilidade e a calidade dunha carteleira cinematográfica descentralizada e á marxe dos circuítos comerciais, así como para difundir de xeito destacado a produción audiovisual galega e contribuír á creación de públicos.
A esta iniciativa da Axencia Galega de Industrias Culturais acóllense este ano o Cineclub Pontevedra, Cineclub Lumiére-Vigo, Cineclub Adega de Vilagarcía de Arousa, Cineclub Cangas, Cineclub Bueu, Cineclub Padre Feijoo de Ourense, Cineclub Groucho Marx do Barco de Valdeorras, Cineclub do Carballiño, Cineclub Valle Inclán de Lugo, Cineclub Val Miñor AG de Nigrán, Cineclub Serie B de Narón, Cineclub Entrecortiñas da Illa de Arousa e Cineclub Tui.