Apoio ao talento audiovisual cun novo investimento de 180.000 euros en axudas a laboratorios, incubadoras e residencias
Convocaranse por segundo ano consecutivo para contribuír á organización de iniciativas de formación e asesoramento que redunden na mellora da calidade e solvencia dos novos proxectos para cinema e televisión
O Consello da Xunta aprobou na súa reunión do luns 16 de xaneiro a convocatoria, por segundo ano consecutivo, das subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais para laboratorios, incubadoras e residencias de creación ou desenvolvemento de proxectos audiovisuais, a través das cales destina 180.000 euros á organización deste tipo de iniciativas de formación e asesoramento. Esta liña de apoio incide na aposta do Goberno galego polo talento audiovisual, favorecendo a solvencia e a calidade das súas novas propostas para cinema e televisión no camiño cara á fase de produción e, xa que logo, a súa viabilidade artística, técnica e financeira.
Poderán optar a estas axudas, en réxime de concorrencia competitiva, empresas ou asociacións para os gastos de organización deste tipo de eventos no período comprendido entre a publicación da convocatoria e o 1 de xullo de 2026. A concesión máxima sitúase no 80% do orzamento subvencionable, cun límite de 50.000 euros en cada caso, de xeito que se prevé o cofinanciamento dun mínimo de catro laboratorios, incubadoras ou residencias.
A convocatoria de 2025 introduce unha serie de modificacións nos requisitos que deben cumprir as entidades solicitantes co fin de garantir unha maior solidez dos programas subvencionados, de xeito que deberán contar, por exemplo, con cando menos dúas edicións realizadas nos catro anos anteriores e coa participación dun mínimo de dous proxectos galegos na última delas.
No baremo de puntuacións, tamén se terá en conta o número de propostas de creación e/ou produción galega participantes na edición para a cal se solicita a subvención e na inmediatamente anterior, ademais doutros criterios que teñen que ver coa traxectoria do equipo docente ou coa orixinalidade e calidade das actividades programadas.
A base deste sector é o obxecto final desta liña, que entronca con outras das convocatorias da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para as primeiras etapas do proceso audiovisual, como as destinadas ao desenvolvemento de proxectos durante a fase de preprodución e á promoción do talento tanto na escrita de guións como na realización de curtametraxes e na produción de longas de dirección novel.