A Agadic subvenciona o festival Curtocircuíto nunha 15ª edición que reforza a exhibición de cinema galego
É un dos oito eventos que reciben apoio en 2018 a través da liña de axudas autonómicas a mostras audiovisuais
A organización presentou o programa que desenvolverá do 29 de setembro ao 7 de outubro, coa posta en marcha das Mesas Interxeracionais Galegase das seccións Terra e Supernova entre as principais novidades
O festival Curtocircuíto detallou hoxe a programación coa que celebrará o seu décimo quinto aniversario do 29 de setembro ao 7 de outubro en Santiago e reforzará a súa aposta polo cinema de Galicia. A Xunta volve apoiar este certame promovido polo Concello compostelán, neste caso a través das subvencións da Agadic a festivais audiovisuais.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, explicou que o Curtocircuíto resultou adxudicatario por esta vía de preto de 25.500 euros e forma, así, parte da listaxe de oito eventos audiovisuais subvencionados en 2018 mediante esta liña de axudas autonómicas. Así o manifestou no transcurso desta presentación, na que compartiu mesa co alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e o director do festival, Pela del Álamo.
Para Sutil, 15 anos despois da súa primeira edición, Curtocircuíto continúa a renovarse e a medrar como unha das citas indispensables do panorama cultural galego. “Ademais de contar cunha exemplar traxectoria como plataforma para a difusión da produción audiovisual no ámbito das curtas, o festival está a demostrar –sobre todo nas últimas convocatorias– a súa capacidade para se constituír nun evento no que teñen cabida disciplinas distintas ás audiovisuais e tamén diferentes públicos”, sinalou, ao tempo que incidiu no papel da mostra como espazo para o encontro e o intercambio entre creadores e demais profesionais do sector.
Unha trintena de pezas conectadas con Galicia
O responsable da Agadic fixo fincapé na ampliación do compromiso do Curtocircuíto co cinema de Galicia nesta décimo quinta edición, durante a que se proxectará unha trintena de pezas realizadas aquí ou conectadas co audiovisual galego. Neste sentido, o festival presenta como principais novidades da súa programación a posta en marcha das seccións Terra e Supernova. A primeira delas céntrase en cineastas de Galicia cunha traxectoria xa recoñecida, como é o caso dos dous nomes que a protagonizan este ano: Xacio Baño e Jaione Camborda. Polo que respecta a Supernova, o obxectivo é servir de escaparate a realizadores e realizadoras nos inicios das súas carreiras para intentar salvar a brecha existente entre os centros de formación e os circuítos profesionais. A sección arranca en 2018 cos traballos de Lucía Estévez, Daniel Arana, Sara Iglesias, Ángel Filgueira, Lara e Noa Castro, Alicia Alonso, Marta Valverde, Ariadna Cordal e Alejandro Rodríguez.
Estes dous novos apartados arredor do noso cinema súmanse ás primeiras Mesas Interxeracionais Galegas, outra das novidades deste ano, e á xa habitual sección competitiva GZ, que volverá reflectir a riqueza e variedade do cinema galego actual, neste caso da man de Sandra Sánchez, Adrián Canoura, Brandán Cerviño, Judith Adataberna, Ángel Santos, Oliver Laxe, Also Sisters, Iván Castiñeiras, Laura Pousa e Noela Gutiérrez.
GZ é un dos catro apartados competitivos do festival, xunto con Radar, que ofrece unha variada selección de títulos que están a marcar tendencias a nivel internacional; Explora, centrada na procura dunha nova caligrafía fílmica; e Penínsulas, con filmes españois da temporada.
Ulrich Seidl
Respecto á súa programación non competitiva, Curtocicuíto volve traer a Santiago grandes figuras do cinema de autor, entre as que nesta 15ª edición sobresae o nome de Ulrich Seidl, quen impartirá unha máster class e será obxecto dunha das retrsopectivas, así como os de Roberto Minervini, Jessica Sarah Rinland e Bertrand Mandico.
Así mesmo, o festival continúa afondando no carácter interdisciplinar do cinema coa segunda edición do programa Arredor do Son, a través do que se pon en valor o son como medio de expresión artística fronte á hexemonía da imaxe. Entre os artistas en cartel, atópanse Martin Messier e Jacob Kirkegaard, sonidistas como Amanda Villavieja e Charly Schmukler ou o proxecto Playtronica, ademais do Live A/V de Baiuca con Adrián Canoura proxectando filmes do arquivo do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), a colaboración entre Novedades Carminha e Lois Patiño e a presenza dos tailandeses Sunset Rollercoaster, entre outras citas.
-Curtocircuíto