A Agadic renova o seu apoio á asociación Músicos ao Vivo para os Premios Martín Códax da Música
Jacobo Sutil e Iria Pinheiro asinan o convenio mediante o que a Xunta colabora economicamente coas actividades de promoción e a gala de entrega da quinta edición dos galardóns
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a asociación Músicos ao Vivo subscribiron hoxe o convenio de colaboración dunha nova edición dos Premios Martín Códax da Música, que se organizan anualmente co obxectivo de recoñecer e lle dar visibilidade ao traballo dos profesionais da musica galega.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, e a presidenta de Músicos ao Vivo, Iria Pinheiro, asinaron este acordo mediante o que a Xunta de Galicia apoia economicamente as accións de promoción e a gala de entrega dos V Martín Códax, prevista para o mes de maio como culminación do proceso de inscricións e votacións que dará comezo en marzo.
A través deste convenio, tal e como se recolle no seu texto, a Axencia Galega das Industrias Culturais apoia a consolidación desta iniciativa como “inmellorable plataforma de promoción deste sector básico da cultura”, que proxecta socialmente a creatividade, a diversidade e a calidade artística da música feita en Galicia ou por galegos, así como o seu gran potencial no conxunto das industrias culturais.
Así, os Premios Martín Códax volverán darlle visibilidade á produción musical galega máis recente e, en especial, aos tres proxectos finalistas en cada unha das 15 categorías que se convocarán nesta edición, ademais dunha mención honorífica e dos tres premios Organistrum para unha sala, un festival e un espazo de comunicación musical. En total, elixiranse como finalistas 54 proxectos musicais galegos actuais e en activo, garantindo así unha maior proxección social para os galardoados, así como a repercusión da concesión deste recoñecemento no mercado musical, tanto o discográfico como o da música ao vivo.
Como en anos anteriores, este convenio súmase aos que a Agadic asina coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia e coa Academia Galega do Audiovisual para apoiar economicamente os principais premios dos sectores musical, teatral (María Casares) e audiovisual (Mestre Mateo) de Galicia.