A Agadic impulsa o desenvolvemento de cinco novos proxectos de televisión e cine arredor do Camiño de Santiago
Publicou no seu web a resolución da primeira fase das subvencións para a difusión dos valores culturais das rutas xacobeas a través de obras audiovisuais de ficción de cara á celebración do Xacobeo 2021
Portocabo TV, Zenit Televisión, Ficción Producciones, Agallas Films e Diez Caminos son as empresas entre as que se distribúen 75.000 euros para os traballos previos á produción de catro miniseries televisivas e dunha longametraxe cinematográfica
Nunha segunda fase, seleccionarase unha destas propostas para subvencionar a súa produción con entre 1 e 1,5 millóns de euros
A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), promove o desenvolvemento de cinco novos proxectos audiovisuais de ficción para televisión e cinema co obxectivo de difundir os valores culturais do Camiño de Santiago de cara á celebración do vindeiro Xacobeo 2021.
Trátase dos adxudicatarios da primeira fase dunha liña específica de axudas públicas convocada este ano pola Agadic, a través da que se apoia economicamente o proceso de preprodución destes cinco títulos e, nunha segunda fase, a produción completa dun deles.
Tal e como se publicou no web www.agadic.gal, os beneficiarios desta quenda son catro proxectos de desenvolvemento de miniseries televisivas (El camino, de Portocabo TV; 100 km. El Camino, de Zenit Televisión; Tres caminos, de Ficción Producciones, e O legado de Matthew Steward, de Diez Caminos AIE) e un de longametraxe cinematográfica (Mi camino, de Agallas Films). Entre eles distribúense os 75.000 euros convocados nesta fase.
Entre 1 e 1,5 millóns de euros para produción
Agora estas empresas dispoñen de catro meses para desenvolver as ideas propostas e entregar o resultado dos traballos á Agadic. A comisión de valoración será a encargada de seleccionar un destes proxectos para cofinanciar a súa produción cunha axuda dun millón de euros, no caso de que se trate dapelícula de cine, ou de 1,5 millóns de euros, se é unha das miniseries. Oimporte que percibirá o título beneficiario da segunda fase non poderá superar o 30% do total do custe da súa produción.
Coa ollada posta no Xacobeo 2021, o obxectivo desta convocatoria é promover a marca Galicia e as rutas xacobeas mediante a realización dunha obra audiovisual que, polas súas características, posúa unha alta capacidade de distribución internacional.
Unha das principais características que foron tidas en conta na valoración das propostas foi a súa calidade, orixinalidade e carácter atemporal. O Camiño de Santiago debía ser un dos elementos importantes no seu contido, mais non necesariamente o principal, buscando a diferenciación con respecto a outras obras audiovisuais.
No caso do título que sexa seleccionado na segunda fase, tanto o seu contido como o seu proceso de realización deberán contribuír á difusión da cultura, a paisaxe e demais atractivos de Galicia como destino de visitantes e peregrinos, á transmisión dos valores xacobeos, a consolidar a marca Galicia e a fomentar a industria audiovisual galega. Neste mesmo sentido, a empresa beneficiaria deberá realizar en Galicia un gasto mínimo do 110% do importe da axuda concedida.
Valorarase tamén o currículo do equipo creativo (produción executiva, guión e dirección), primando a participación de profesionais de recoñecido prestixio, ademais do traballo cun elenco artístico de proxección internacional.
Así mesmo, analizarase as posibilidades transmedia do proxecto e a súa capacidade para captar outros investimentos públicos e privados que permitan conseguir un orzamento medio-alto, levar a cabo unha obra de máxima calidade e garantir as súas posibilidades de promoción e distribución.
-Resolución da primeira fase