Share

A Agadic convoca axudas para difundir o cinema galego en festivais de prestixio nacional e internacional

Destina 30.000 euros a promover filmes seleccionados nalgún dos 38 certames que se especifican na convocatoria, entre os que se inclúen o de Cannes, a Berlinale, o New York Film Festival ou o Festival Internacional de Cine de San Sebastián

En 2017 contribuíuse a difundir títulos de dez produtoras galegas en dez importantes mostras do circuíto internacional

A Agadic convoca axudas para difundir o cinema galego en festivais de prestixio nacional e internacional

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de subvencións para a promoción e difusión do cinema galego en 38 festivais de prestixio nacional e internacional celebrados entre o 1 de decembro de 2017 e o 30 de novembro do 2018.
O principal obxectivo desta liña de axudas, dotada con 30.000 euros, é reforzar as campañas de promoción dos filmes que teñan sido seleccionados nalgunha das mostras especificadas nas propias bases, co fin de pór en valor o traballo dos produtores e creadores, así como de situar Galicia no mapa cinematográfico internacional.

Os festivais recollidos na convocatoria son os clasificados pola Federación Internacional de Asociacións de Produtores (FIAPF), entre os que destacan eventos tan relevantes como a Berlinale (Alemaña), o Shangai International Film Festival (China), Karlovy Vari (República Checa), Biennale de Venecia (Italia), Sundance e Nova York (Estados Unidos), IDFA de Amsterdam (Países Baixos), BAFICI de Bos Aires (Arxentina), Locarno (Suíza), Toronto e Hot Docs (Canadá), Festival Internacional de Cine de Xixón, San Sebastián, Festival de Cine Español de Málaga, Seminci de Valladolid, Sitges ou Festival de Cine Europeo de Sevilla, entre moitos outros.

Prazos de solicitude
O prazo de presentación estará aberto ata o 2 de maio para a participación en eventos que xa se teñan celebrado, mentres que para os que se desenvolvan a partir de hoxe, o período de solicitude será dun mes desde que se produza a comunicación oficial da selección por parte do festival, sempre que non se exceda a data límite do 15 de novembro.

A convocatoria especifica cales son as contías –entre 1000 e 5000 euros– destinadas á participación en cada un dos festivais da listaxe, en función das categorías de selección (seccións oficiais, competitivas, de exhibición etc.) e a tipoloxía do filme.

En anos anteriores, a través destas subvencións apoiouse a difusión en importantes mostras internacionais de óperas primas como Dhogs, de Andrés Goteira; A estación violenta, de Anxos Fazáns; Os fillos da vide, de Ana Domínguez; e Nocturno, fantasmas de mar en puerto, de Álvaro F. Pulpeiro. Tamén se contribuíu á promoción de Mimosas, de Oliver Laxe, e das curtas Fajr, de Lois Patiño; Plus Ultra e Montañas ardientes que vomitan fuego, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, e El paisaje está vacío y el vacío es paisaje, de Carla Andrade.

Esta convocatoria enmárcase tanto no programa anual de subvencións da Xunta ao cinema e á televisión como no plan de internacionalización exterior do noso audiovisual, a través dos que Agadic impulsa este sector como estratéxico para a Comunidade e contribúe a que as súas empresas se consoliden como competitivas, optando á exportación e á rendibilidade social e económica. Do mesmo xeito, promóvese a excelencia dos produtos culturais galegos e difúndese o audiovisual como marca representativa de Galicia.

-Máis información