Share

A Agadic convoca 450.000 euros en axudas á distribución de espectáculos e promoción exterior

O DOG publica hoxe as bases destas subvencións anuais, que manteñen a liña ascendente no seu orzamento cun incremento de 15.000 euros respecto a 2017

A través delas, en 2017 a Xunta apoiou a presenza da escena, a música e arte de Galicia en diferentes localidades españolas e doutros 24 países

A Agadic convoca 450.000 euros en axudas á distribución de espectáculos e promoción exterior
A Agadic dotou con 450.000 euros a nova convocatoria de subvencións ás actividades de distribución para as industrias culturais, que publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Esta contía supón un incremento de 15.000 euros respecto a 2017, mantendo así a liña ascendente que vén describindo o seu orzamento nos últimos anos.

A través deste apoio, a Xunta contribúe á exhibición de espectáculos galegos profesionais fóra da nosa Comunidade, así como á promoción exterior dos nosos produtos culturais en mercados e feiras de carácter internacional. A súa finalidade é favorecer a internacionalización das nosas industrias culturais cofinanciando os gastos que asumen as empresas á hora de buscar unha maior proxección do seu traballo e dos seus produtos.

Por exemplo, as axudas de 2017 destináronse a máis de 600 concertos, actuacións escénicas e accións promocionais en 24 países dos cinco continentes, así como en diferentes localidades españolas. Mediante a súa cuarta modalidade, colaborouse ademais coas xiras de diferentes espectáculos escénicos galegos pola nosa Comunidade.

Prazo de solicitude
O prazo de solicitude desta convocatoria, inserida dentro do programa xeral de axudas da Agadic ás industrias culturais, esténdese desde mañá e ata o vindeiro 31 de xullo para aquelas actividades desenvolvidas entre o 1 de novembro de 2017 e o 31 de outubro de 2018. A súa concesión é automática e realízase por orde de entrada, atendendo todas aquelas solicitudes que reúnan os requisitos esixidos ata finalizar o prazo ou, no seu caso, ata o esgotamento do orzamento de 450.000 euros.

Mantense, como en anos anteriores, a clasificación destas subvencións en catro modalidades. As tres primeiras delas, para as que se reservan 350.000 euros, están dirixidas a accións que se realicen fóra de Galicia (distribución de espectáculos escénicos e musicais, representación de espectáculos de artes escénicas e de música en feiras e festivais, e asistencia a feiras e mercados culturais), mentres que a cuarta destínase a apoiar proxectos de distribución escénica dentro da nosa Comunidade.

Neste último caso, as axudas diríxense a representacións que se desenvolvan en espazos que non pertenzan á Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto cofinaciado pola Agadic e as entidades xestoras de máis de 40 escenarios asociados. Deste xeito, búscase favorecer unha maior descentralización da oferta escénica na nosa Comunidade para chegar ao maior número posible de cidadáns.

As bases poden consultarse neste enlace ao Diario Oficial de Galicia.
-Máis información