A estrea oficial da serie 'Punto Nemo' mostra o momento de esplendor do audiovisual galego
A Xunta mantén o seu compromiso cos profesionais galegos mediante axudas á produción, impulso da internacionalización e acceso a novas plataformas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou na estrea oficial da serie Punto Nemo, a última produción de Ficción Producciones, gañadores do Premio da Cultura Galega 2024 na categoría Audiovisual, e mostra do momento de esplendor do audiovisual galego.
A serie, rodada maioritariamente en escenarios galegos, conta con amplo protagonismo galego tanto na parte técnica como dentro do elenco principal, ademais de supoñer un retorno de preto de 5 millóns de euros e a contratación de 106 persoas durante a rodaxe.
A Xunta traballa en potenciar o noso territorio como contorno idóneo para rodaxes audiovisuais e mantén o seu apoio ao sector mediante axudas á produción, impulso da internacionalización e acceso a novas plataformas.
Punto Nemo
A serie narra a expedición oceanográfica, formada por científicos e a Armada Española, no buque Pentonkontors para investigar a illa de plástico sita no Pacífico Sur. Durante a travesía, a tripulación é arrastrada ata unha illa descoñecida, habitada por militares rusos, que serán o obstáculo da expedición para chegar ao punto máis afastado dos habitados na Terra: o Punto Nemo.
A serie, producida por Ficción Producciones e dirixida por Daniel Martín Saéz de Parayuelo (tamén creador), Denis Rovira e Daniel Benmayor, conta entre o seu reparto con Óscar Jaenada, Najwa Nimri, Alba Flores, Maxi Iglesias, Margarida Corceiro, Iván Marcos ou Miguel de Lira, entre outros.