Compartir o cinema. 20 anos de Cinema en Curso
Coloquio e proxección de Innisfree, de José Luis Guerin
Arranca o ciclo Compartir o cinema para conmemorar os 20 anos do programa educativo internacional Cinema en Curso, que a Filmoteca de Galicia xestiona na nosa Comunidade. Catro dos cineastas que teñen acompañado o alumnado galego ao longo das últimas edicións -Xacio Baño, Jaione Camborda, Marcos López e Ángel Santos- intervirán nesta primeira sesión xunto a Núria Aidelman, codirectora desta iniciativa de A Bao A Qu.
Tras o coloquio, proxectarase Innisfree, de José Luis Guerin, unha das películas esenciais deste programa. Este documental de 1990 percorre as paisaxes e as xentes de Innisfree, o mítico lugar irlandés onde John Ford ambientou en 1952 a súa película El hombre tranquilo, e ata que punto a súa rodaxe e a ficción que narraba xa forman parte da memoria colectiva da vila.