Aprobado un novo convenio coa asociación Escena Galega para continuar co avance do sector como industria cultural
Terá unha dotación de 28.000 euros co obxectivo de sufragar labores de asesoramento nas áreas legal, de administración, difusión e comunicación
O acordo inclúe a celebración da sexta xornada de venda e promoción escénica, que terá lugar o vindeiro 20 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia
O Consello da Xunta aprobou a renovación do convenio de colaboración coa Asociación de Empresas de Artes Escénicas-Escena Galega por valor de 28.000 euros, dotación destinada a distintas actividades promovidas polo colectivo cara a progresar na profesionalización do sector e reforzar a súa posición como industria cultural dedicada á produción de espectáculos de teatro, danza e artes do movemento, novo circo e ilusionismo.
O acordo, enmarcado na liña de dinamización cultural de asociacións, federacións e colectivos do eido escénico, musical e audiovisual dentro da planificación estratéxica da Axencia Galega das Industrias Culturais, dálle continuidade ao texto asinado en 2025. Así, prevese o mantemento de Acompaña, proxecto de consultaría personalizado nas áreas de xestión económica e empresarial, de comunicación, de distribución e de asesoramento lingüístico. Tamén prevé os labores necesarios para a aplicación nas compañías galegas de ferramentas e accións que se prestan a través da Federación Estatal de Asociacións de Empresas de Teatro e Danza, así como a celebración da cuarta edición dos Recoñecementos Escena Galega, outorgados o pasado 30 de xuño para distinguir a dedicación especial das persoas e a excelencia dos proxectos.
Entre as futuras iniciativas propostas que serán apoiadas mediante este convenio, destaca a celebración da sexta xornada de venda e promoción escénica, dirixida aos profesionais da programación cultural de Galicia e do norte de Portugal, que terá lugar o vindeiro 20 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia mediante a concertación de reunións de negocio e cunha sección de presentacións de espectáculos a cargo dos seus artífices e protagonistas.
Escena Galega é actualmente a entidade que aglutina o maior peso específico dentro do sector, xa que integra 55 compañías e empresas produtoras nas distintas disciplinas. Como entidade asociativa leva desenvolvendo de forma continuada un programa de actividades e servizos de carácter colectivo e asistencial que inciden na defensa e potenciación das artes escénicas no seu conxunto de cara á súa modernización sen perder a identidade propia das compañías como motores creativos.
- Imaxe dunha mostra de danza realizada dentro do programa da IV Xornada de Promoción Escénica